O proxecto Bach

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

24 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai mil xeitos de construír unha carreira na música. Mil camiños para chegar a algures, e mil xeitos de aprender que o talento é unha responsabilidade.

Cando coñecín ao violoncellista Yo-Yo Ma, eu tiña 25 anos e levaba un ano de doutoramento nos EUA. Coñecino no momento no que eu xa decidira que fuxir de min mesma era o camiño que tiña que seguir. Despois dos catro anos frenéticos de Tolemia (1999) precisaba un tempo para estudar, e decidín deixar a gaita de lado. Pero entón apareceu el, e sen decatarse axudoume a atopar o xeito de volver a ela, con paixón, asumindo a responsabilidade de mostrar cómo a cultura é a única ferramenta que nos une.

Hai un ano que Yo-Yo Ma comezou unha viaxe fascinante, na que está a tocar as seis suites de Bach para cello solo en 36 cidades dos seis continentes. Con esta xira pretende iniciar unha conversa que vai máis aló da música, sobre como a cultura nos axuda a conectar e imaxinar un futuro mellor. É por iso polo que a cada un dos seus concertos decidiu engadirlles un «día de acción», no que o músico se asocia con organizacións locais para non só aprender da realidade de cada un dos lugares nos que toca, senón tamén para amplificar o traballo destas organizacións ou institucións que están a traballar por unha idea tan simple e complexa como é «un futuro mellor».