Xeometría electoral variable

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

14 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A verdadeira xeografía variable no actual sistema político non é a dun Goberno en minoría maioritaria que busque para gobernar apoios entre os diferentes partidos, segundo que tipo de asuntos necesite abordar. A auténtica xeografía variable é a dos votantes que dende hai cinco anos veñen mudando o voto dunhas eleccións a outras con sinuosa fluidez, por moito que os partidos e os seus analistas non queiran velo. Parece que é en Cs onde se ten máis clara esta realidade, porque teñen que facer da necesidade de non ter arraigo unha virtude e encaixan co comportamento dos electores. A proba foron as últimas eleccións, nas que serviu de vía de escape aos votantes do PP, sobre todo para o electorado andaluz, pois nos catro meses que pasaron das andaluzas ás estatais pasou de ser terceira forza a superar ao PP, gañando 150.000 votos.

A fin do bipartidismo está confirmada, non obstante o empeño dos partidos ata agora maioritarios en disimulalo. A lóxica intención do PSOE de gobernar en solitario enfróntase á evidencia dos apoios que necesita Pedro Sánchez para ser investido, gobernar e manter unha lexislatura completa. Ata que pase o 26 de maio os socialistas e os seus aliados insistirán na necesidade dun goberno en solitario. Pura ficción. Pero seguimos no impulso electoral desatado por un presidente do Goberno que aprendeu de Rubalcaba todo o bo que tiña que aprender, e quedan aínda moitas incógnitas electorais por se despexaren. A máis importante, canto vai acabar por caer o partido da dereita do bipartidismo nas autonómicas e locais. O resultado das europeas será o complemento. Canto suba a extrema dereita xa non ten moita intriga.

As mudanzas do voto dependen das respostas dos partidos vellos e dos novos, do desgaste histórico e xeracional dos vellos e do desgaste das expectativas que foron xerando os novos. Máis aínda do carácter de cada elección. A xeometría variable dos votantes non é nada novo, pero sempre se negou unha evidencia que pouco lle interesaba resaltar aos partidos do bipartidismo, empeñados en amosar a idea da fidelidade do voto ás siglas. O que é certo para unha parte do electorado -a máis recoñecible nas enquisas e a máis identificable coas elites- non o é para todo o electorado. En 1987 coincidiron no mesmo día en España as primeiras eleccións europeas e as terceiras municipais. En Santiago arrasou Fraga como candidato de AP nas europeas, e nas mesmas mesas os mesmos votantes escolleron maioritariamente a papeleta de Xerardo Estévez como alcalde. A novidade agora é que esa pluralidade de elección pode ser aplicada non a dúas ou tres forzas, senón a catro ou cinco. Á pluralidade chámanlle fractura moitos analistas e á diversidade desconcerto, pero non hai tal. Hai diversidade de escolla nas diferentes eleccións por parte dos votantes. Verémolo comparando os resultados do día 26 en Pontevedra, en Vigo, en Santiago, na Coruña, en Ribadeo, en Rianxo, en Lalín ou en Oleiros.