A exemplaridade dun home de Estado

OPINIÓN

11 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia das últimas décadas da política española incorpora nun lugar salientable a Alfredo Pérez Rubalcaba. Profesor universitario, socialista comprometido, home de estado, Alfredo dedicou a súa vida ao servizo público, ao interese colectivo. A súa inesperada marcha enche de tristura o Partido Socialista e á inmensa maioría da sociedade española, que recoñece nel unha figura clave no noso país dende a Transición.

Ao longo da súa longa traxectoria pública, Alfredo foi quen de contribuír á construción e á consolidación dunha democracia plena en España, poñendo no primeiro plano a loita polos dereitos e a defensa da igualdade de oportunidades. Protagonista indiscutible no punto e final da barbarie terrorista en España, a súa figura merece hoxe todo o noso recoñecemento.

Con grande intelixencia, firmes conviccións e brillante dialéctica parlamentaria, Rubalcaba cumpriu con todo o que se pode esixir a un secretario de Estado, a un voceiro parlamentario, a un ministro, a un vicepresidente do goberno e a un secretario xeral do PSOE. Porque se del se dicía que tiña o Estado na cabeza, non é menos certo que levaba tamén ao Partido no seu corazón.

Quen ocupa un lugar destacado na historia de España e do Partido Socialista soubo ademais, nos últimos anos, pechar un ciclo e regresar á súa outra vocación, a de profesor na Universidade pública. E isto amosa tamén a súa honradez, a súa exemplaridade, as súas conviccións.

Hai apenas uns meses escribía un obituario sobre Miguel Cortizo na revista do PSdeG, no que reflexionaba sobre unha traxectoria política case paralela, e concluía: «Acertando o equivocándonos, siempre habíamos tratado de ser coherentes con nuestras ideas y con nuestros principios». E así foi. Grazas, Alfredo.