A derrota electoral das dereitas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

07 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A derrota das dereitas en España nas últimas eleccións foi o resultado principal da aparición dunha extrema dereita. A derrota tivo máis causas (corrupción, desgaste do goberno do PP...), pero o escoramento patrioteiro e guerracivilista que provocou nas outras dereitas a aparición desta dereita neofalanxista en Andalucía e a sombra de franquismo que emerxeu sobre a sociedade deulle máis importancia a este factor. A derrota non tivo paliativos. Os resultados vense mellor en número de votantes ca en escanos. En todo o Estado as esquerdas (incluíndo aquí aos Comúns cataláns) suman 12,2 millóns de votos, e as tres dereitas (incluíndo Navarra+) 11,2. Os partidos nacionalistas cataláns e vascos (sumo a Compromís) xuntaron 2,2 millóns. A maiores, canarios e cántabros xuntaron dous centos de miles. A vontade xeral dos cidadáns que se expresa nas eleccións quedou ben definida nestas cifras en toda a súa rotundidade política e territorial. As tres dereitas foron superadas na súa proposta -todo o mundo pensaba na vía andaluza- en máis de tres millóns de votos cunha participación do 75 %. En Galicia 760.000 votos foron ás esquerdas e 717.000 ás dereitas, contando as candidaturas que tiveron deputados, que son as que conta a xente.

A linguaxe política da dereita nestas eleccións deixouse ir cara a un discurso inzado de inimigos, traidores, fronte popular, comunistas, separatistas, vítimas, anti-España. O PP está agora reparando en que nada se lle perdía ente tanta pantasma resucitada e tanto patriotismo de bandeira e que o guerracivilismo non hai quen o merque. En Galicia, Canarias e o País Vasco o neofalanxismo non tivo representación, e foi testemuñal en Cataluña. Como diría Rajoy, iso non lle interesa á xente. Mais ben asustouna. Todo indica que este suicidio do PP fraguouse en Madrid, entre barrios nacionales -que dicían antes- e suburbios elegantes do pelotazo de agora. As elites deses barrios e os seus medios de comunicación fóronse cocendo na súa propia salsa e desconectando da maioría para quedaren en 4,3 millóns de votos. A excepción parcial foi Ciudadanos, que, polo que amosan os seus 4,1 millóns de votos, logrou -pese á presenza en Colón e no tripartito andaluz- ser o punto de fuga máis eficaz dos votantes da dereita fronte á competencia fraseolóxica entre o PP e os neofalanxistas e un punto lonxe do guerracivilismo casposo. O outro punto de fuga do votante do PP foi sen dúbida o PSOE e mesmo o PNV. A quen votaron senón os votantes do PP vasco? En Navarra nin se presentaron.

O PP de Casado cometeu un erro que case ninguén do PP galego cometería, deixarse enlear por un neofalanxismo camuflado. Non Fraga, a quen tanto lle custou na Transición. A mellor conclusión destas eleccións foi que os franquistas, mesmo camuflados de verde, bandeiras constitucionais e dicíndose liberais, son moi poucos (2,6 millóns de votos). A maioría cheirounos. Na noite electoral aconteceu algo diante da sede do PSOE en Madrid e á vez no hotel de Barcelona onde ERC celebraba o seu triunfo. Os afiliados das dúas formacións berraron o mesmo diante das cámaras: «¡No pasarán!». O pasado manda, pero en votos.