PSOE, triunfo histórico en Galicia

Gonzalo Caballero SECRETARIO XERAL DEL PSDEG-PSOE

OPINIÓN

29 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha cita crucial para o futuro do país, a maioría social decantou con claridade o modelo de país que queremos. Os socialistas gañamos as eleccións e convertémonos novamente en primeira forza política, mentres a coalición das dereitas sofre un castigo que a deixa sen opcións de goberno e nun escenario de profunda crise.

Tamén en Galicia os socialistas somos a primeira forza do país. É un triunfo histórico. Por primeira vez na historia da autonomía galega, superamos ao PP en número e porcentaxe de votos, así como en número de escanos. A esquerda supera claramente á dereita en Galicia. E Feijóo pecha así o seu ciclo político, cun batacazo que amosa o derrumbamento do PP galego.

A cidadanía falou con claridade. Corresponde ao PSOE e a Pedro Sánchez gobernar e manter a liña de avances sociais acorde ao proxecto e valores do socialismo democrático. É momento, por tanto, de seguir pulando por unha España de progreso social, que avance en liberdades e dereitos, que desenvolva o Estado do benestar, que defenda o Estado das autonomías e que continúe un proceso de modernización europeísta acorde aos nosos compromisos de xustiza social e igualdade de oportunidades.

O PP,  que foi partido de goberno e organización fundamental do sistema político do país retrocede a un mínimo histórico que suspende a súa viraxe reaccionaria e a súa inmadurez como forza de oposición. A ultradereita queda moi por debaixo das expectativas xeradas. Preocupante entrada contra a que combateremos argumentalmente para desfacer os seus errados e perigosos plantexamentos.

A cidadanía marca un novo tempo político. E saberemos traballar ao seu servizo.