O Día do Libro, con perdón

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

27 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin sequera a coincidencia do Día do Libro na campaña motivou aos candidatos para falaren do seu programa cultural, probablemente porque non o teñen e non lles importa. Se Camba afirmaba que en España os intelectuais se cotizaban a menos ca os coellos, hoxe a cotización debe estar por debaixo da baralloca.

O Día Internacional do Libro é unha celebración promovida pola Unesco, fixada no 23 de abril, data en que morreron varios grandes autores e que en España nos dá ocasión de recordar a Cervantes, un humanista adiantado ao seu tempo, que, sabéndose o mellor escritor da súa xeración, viuse obrigado a deixar a pluma durante vinte anos para gañar a vida como recadador de impostos. Recoñezámolo sen desculpas, nin enredos: Cervantes é xenial e no Quixote puxo os alicerces da novela e creou o humorismo, unha nova forma de humor que tardou tres séculos en ser entendida; pero cada día interesa menos, e en Galicia nin che conto. De seguir así, Cervantes, o Príncipe dos Enxeños, pasará a ser axiña un nome venerado en España por unha minoría de xente rara, e en Galicia por catro tolos.

A Cervantes tratouno mal a vida e tratouno mal algunha xente, pero quen peor o tratou non foi Lope de Vega, que o aldraxou; nin Avellaneda, que o plaxiou; nin os Argensola, que non lle permitiron ir co conde de Lemos a Nápoles; nin os académicos do XIX que o tiñan por un «enxeño leigo»… Quen peor o tratou foi Nabokov no curso de literatura que, en 1952, impartiu na Universidade de Harvard. Nabokov non coñecía a Cervantes nin o Quixote, pero, obrigado polo reitor, ditou seis leccións nas que non deixou de se mofar do autor e da obra. Morto Nabokov, aquelas seis leccións foron recollidas nun libro disparatado pero interesantísimo porque permite comprobar como alguén con enorme talento e ampla cultura, pero dominado polo pecado de soberbia, pode comportarse como un parvo; e tamén o silencio cómplice dos cervantistas, que non ousaron censurar os desatinos dun autor de tanto prestixio. Fíxoo Francisco Márquez Villanueva, especialista no Século de Ouro e catedrático na Universidade de Harvard, que ditou a conferencia «La lección del disparatario nabokoviano», na que di: «Da grima pensar en la clase de fraude perpetrado, a fuerza de aquel diluvio de ignorancia y de crudos prejuicios, en la cátedra de una universidad prestigiosa».

É certo. O curso de Nabokov é un desatino de principio a fin. Malinterpreta os personaxes; toma ao pé da letra os textos irónicos; rexeita textos de altísimo nivel literario; non percibe o humanismo nin o humorismo da obra… No ensaio Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo analizo eu todos os despropósitos, incluído un no que ninguén reparara: Nabokov relaciona as vitorias e derrotas de don Quixote e conclúe que son as mesmas: 20 e 20. Pois non, porque esquece o capítulo LVIII, titulado De la cerdosa aventura que le aconteció a Don Quijote, e non contabiliza a derrota máis cruel sufrida polo cabaleiro cando, vencido por Sansón Carrasco e resignado a deixar a cabalaría durante un ano, é esmagado, co fiel escudeiro, por unha enorme larada de cochos. A fachenda de Nabokov non pode ser máis ridícula.

O curioso é que a Cervantes enterrárono o 23 de abril, pero morreu o 22. Quen morreu un 23 de abril foi Nabokov. Nisto matino eu o día de reflexión.