O voto útil galeguista


E logo cal será? Non falo do voto nacionalista, nin do soberanista, do autodeterminista ou do anticolonialista, tampouco do rupturista, o republicano ou o independentista. Para todas esas parroquias sobran opcións posibles en Galicia, pero faltan papeletas no escrutinio. Digo o voto do galeguismo político que aspira a sumar maiorías para facer iso tan revolucionario que se chama gobernar ou, cando menos, influír no goberno e nas leis do Estado dende unha perspectiva galega. Cando menos condicionar e, sobre todo, ter presenza máis ou menos diferenciada como nacionalidade histórica constitucional. Algo moito máis modesto e, polo que nos amosan vascos e cataláns, moito máis pragmático.

Para este voto faltan opcións factibles, partindo da evidencia de que a xente non quere tirar o voto.

Nestes días da Semana Santa queixábanse algúns amigos científicos nas redes sociais de como as canles de televisión informaron do mal tempo en case toda España, sen alusión ao soliño galaico do Atlántico, mentres cando chove en Galicia adoitan anunciar «bo tempo en toda España agás en Galicia, onde serán abondosas as choivas». Tamén iso ten que ver coa política e coa capacidade para ter ou non ter poder. E de feito a sabedoría colectiva ten un vello dito para isto, moi anterior a que houbera predicións meteorolóxicas televisadas: «mexan por nós e hai que dicir que chove». O de que o que non chora non mama era o corolario.

A de Galicia non é invisibilidade, senón máis ben ausencia. Pero a ausencia non acontece, senón que houbo que traballala. Soubemos o que foi estar presentes e témome que agora imos ver o que vai ser estar ausentes. As sondaxes aínda deixan algunha marxe sobre se finalmente haberá desta volta deputados ou deputadas en Madrid que obedezan só ou sequera preferentemente a organizacións galegas. Si, xaora, galegas son todas as que se presentan en Galicia, pero a capacidade de decisión non dependerá do sol que vaia por acó, senón do que chova por acolá. Coma nesta Semana Santa.

Os nacionalistas máis auténticos gustan ser poucos para que non os confundan e cando sumaron moito acabaron por estar tan incómodos que, isto dito por eles, preferiron limpar o unto. Os nacionalistas máis rupturistas e con capacidade de mestura táctica ou estratéxica, que nunca se deu sabido ben, ficaron rachados na casa. Outros nacionalistas pensáronse menos auténticos porque non estaban sós para facer e desfacer e non se daban composto con outros que se dicían federalistas e cos que lograran, por certo, moi bos resultados, así que preferiron estar sós e a velas vir. Os federalistas están por todas partes, mesmo no Partido Socialista, pero nunca se lles ve máis federalismo que o intelectual. Soberanistas, indepes galaicos e tal seica hai moitos e están por todas as partes, pero véndoas pasar. Logo está a dereita galaica, que mesmo está sendo acusada de nacionalista dende observatorios instalados na praza de Colón madrileña que mandan emisarios polo camiño de Ourense, pero xa di ela que non, que está para desmontar ese invento e que vai bastante ben e xa nin galeguista se atreve a chamarse, nin polo baixo. Así andamos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

O voto útil galeguista