A muller no tranvía

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

22 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Folleando para un traballo xornais de fins do século XIX, atopeime cun artigo que chamou a miña atención. Referíase a un episodio ocorrido nun tranvía ao que sobe unha señora guapa, elegante, acompañada dun cabaleiro. Os pasaxeiros masculinos mírana con admiración… pero ningún lle cede o asento. A dama pasa da sorpresa ao enfado e solicita unha parada para abandonar o tranvía. O seu acompañante, no momento de baixar, cualifica de brutáns aos viaxeiros. Estes comentan entre eles o sucedido. Un quéixase de dores reumáticas e di que non é unha cuestión de cortesía, senón de saúde. Os demais baballoan contra o costume de ceder o asento ás señoras, algo que consideran inxusto: elas queren ser coma os homes, pois que viaxen coma nós. Ademais, cada vez soben máis mulleres aos tranvías, os homes imos ter que viaxar sempre de pé. Elas reclaman os nosos dereitos, pois que non pidan máis privilexios…

Os que falan son contemporáneos de Concepción Arenal, que se ten que disfrazar de home para asistir a algúns cursos na universidade; da Tristana de Galdós, que se quere independizar, e só pode ser «estanqueira, cómica ou raíña». Son os anos nos que dona Emilia Pardo Bazán escandaliza á sociedade denunciando que a moral sexual é absolutamente discriminatoria: encómiase a experiencia no home e condénase na muller…

O artigo pon de manifesto que hai 140 anos os homes sentíanse ameazados pola crecente intervención da muller na vida pública. Pregúntome se hoxe se superou por completo ese sentimento.