Palabras como puños


Este é o título dun libro de historia sobre os meses anteriores á última guerra civil publicado hai uns anos. O subtítulo referíase á intransixencia política na Segunda República e provocou máis dun debate entre historiadores. Palabras como puños é o que estamos a ver en moitos discursos políticos dende que hai xa meses empezou esta campaña electoral. As palabras constrúen relatos, pero cando son puñadas constrúen relatos agresivos. A convivencia non está en perigo para os cidadáns, pero é difícil botar man da sensatez e do diálogo rodeados de discursos construídos a puñadas dialécticas. Se un historiador do futuro, pouco avisado, usara dentro de 80 anos os discursos e os actos desta longa campaña electoral como fontes para coñecer a actual situación política española crería poder explicar as razóns da pendente cara a unha guerra civil. A construción dun relato de violencia, provocado primeiro e falseado despois, nas últimas eleccións da Segunda República baseouse precisamente no empeño dalgúns en provocar esa violencia dende as palabras. Eugenio Vegas Latapié, monárquico e conspirador antirrepublicano, explicouno ben daquela: «Votar todos una vez más para no volver a votar nunca más». Uns poucos militares axudáronlle a conseguilo.

Un tipo de barba falaba onte da anti-España na radio. Dei un chimpo ao escoitar un termo inventado na primeira ditadura española do século XX por intelectuais totalitarios. Unha idea que logo dun golpe de Estado fixo furor para definir ao inimigo a exterminar nunha guerra de tres anos e unha segunda ditadura que xa non durou sete anos, senón corenta. Outro tipo acusa aos socialistas de pactar cos herdeiros de ETA e mudar mans brancas por mans vermellas ensanguentadas. Precisamente as mans brancas que usaron os estudantes da Autónoma de Madrid cando asasinaron a Tomás y Valiente no seu despacho en 1996? Non cabe ofensa maior. Outros van dar mitins alí onde saben que non son ben recibidos porque están con outros en carreira para ver onde os reciben peor, e así gañar máis votos asustados alí onde os queren ben. Rescatar batasunismos sociolóxicos en campaña ten un sentido electoral que coñecen os que o fan, pero seguramente descoñecen que están rescatando franquismos sociolóxicos ben recoñecibles.

De reconciliación xa non fala ninguén.

Nestes discursos, o castelán deixou definitivamente de denominarse co xentilicio da súa orixe para chamarse español e desprazar desa posición e condición a calquera outro idioma que se fale no Estado. Nos seus mitins, a Constitución e o pacto que a fixo só recolle a unidade da patria e nada di dos dereitos de nacionalidades e rexións. Todos os nacionalismos son presentados como idénticos en fins e medios, e igual de ilexítimos, menos o estatal, que é o único legal e histórico. En ambos os casos, por interpretación. Estase construíndo o relato da patria en perigo que debe ser salvada. A idea da anti-España que acompaña a ese relato identifica ao inimigo que destrúe a patria, unha abstracción inhumana que ha de ser erradicada para salvar a patria. Da esquerda e o nacionalismo e a súa capacidade para dividirse e fragmentarse falaremos outro día.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
30 votos
Comentarios

Palabras como puños