Un premio con castigo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

13 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Que pouco me duran as alegrías. Aínda mantiña o sorriso porque a xente se emocionase con Fran, o concursante gañou unha chea de pasta por ter unha cultura xeral marabillosa. Saía na tele e esa pantalla axudáballe a coarse nas casas e, en certo modo, gañarse un cariño un tanto virtual pero caloroso igualmente. Ata hai certa protección con certos personaxes públicos, algo moi entendible.

O problema é fiar polo miúdo.

Inés Carrión é unha estudante marabillosa. De feito, foi a mellor estudante de ESO. A Xunta outorgoulle un premio extraordinario ao mellor rendemento. Ata aí paréceme todo moi ben. Poderiamos discutir se 750 euros é unha cantidade acorde á fachenda e ao valor do esforzo, pero queda para outra. O que me preocupan son os distintos criterios que se usan.

Un premio de lotaría de 20.000 euros non ten ningún tipo de retención por parte de Facenda. Alguén podería pensar que, tan lonxe desa cifra, Inés debía pensar que si? Claramente, non.

Pois pasmen. Con dezaseis anos acaba de recibir o seu primeiro susto de parte da Axencia Tributaria. Chegoulle unha carta requiríndolle o 19 % do premio. Que digo eu... de ser así, a entidade que llo outorga non tería que terllo deducido xa? Pero iso é o de menos. O que me molesta é que 20.000 euros da lotaría non teñan penalización fiscal pero o traballo e o esforzo ao longo de todo un curso académico que se premia con 750 euros (insisto na cantidade) si.

É moi inxusto.

Cando menos, sexan congruentes e equitativos. Deixen de asustar as rapazas responsables.