Pésimo exemplo nas Catedrais

Serafín González BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

12 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Para tentar evitar accidentes fatais como o lamentablemente acontecido hai pouco máis dun ano, a Xunta de Galicia vén de colocar sinais de perigo de desprendementos de rochas en diversos lugares da praia das Catedrais. Unha medida lóxica, razoable e prudente dende o punto de vista da seguridade. Pero tamén unha actuación pesimamente executada, pois os carteis colocáronse nos cantís e covas directamente sobre as rochas, que foron perforadas.

Tratándose do patrimonio natural ou cultural -sexa este unha rocha nunha zona de valor xeolóxico ou paisaxístico, un petróglifo, unha mámoa ou unha árbore senlleira-, a colocación de calquera tipo de cartel ou sinal directamente sobre o elemento que se trata de protexer constitúe unha degradación e un atentado contra o noso patrimonio. Neste caso, ademais, ao facelo precisamente un organismo oficial encargado da súa protección resulta un pésimo exemplo para a cidadanía e unha mala imaxe para todos os visitantes.

A acción de perforar as rochas dos cantís para colocar os carteis constitúe «un deterioro das formacións xeolóxicas». Polo tanto entra dentro das actividades prohibidas polo artigo 8.2.a. do Plan de conservación do Monumento Natural Praia das Catedrais (decreto 80/2015): «A destrución e deterioro das formacións xeolóxicas presentes no espazo, incluíndo a realización de pintadas ou gravados sobre as paredes dos acantilados e a subtracción de materiais».

Como é posible que a alguén da Xunta de Galicia se lle ocorrese facer iso nun espazo declarado Monumento Natural e Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000?

Máis aló de clarificar e depurar as responsabilidades por este erro manifesto, urxe que a Consellería de Medio Ambiente proceda de inmediato á retirada dos carteis instalados directamente sobre as rochas e cantís e á súa substitución por outros que respecten a normativa vixente no espazo natural.