Lingüicidas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

11 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ser cómplice do óbito dunha lingua é un afronta contra a humanidade. Por ecoloxismo, por ética, por vivir e deixar vivir, nada máis elevado que contribuír a que prevaleza a riqueza sobre a pobreza e a variedade sobre o pensamento único. Estes días disparan balas encubertas contra a lingua nosa, o galego. Temos outra. Pero a fala nai, primeira e diferente, escribiuna Afonso X e reescribírona Rosalía e Cunqueiro. É tan fértil o galego que podemos pronunciar voces que levanten o voo dos paxaros, que fagan fuxir as nubes ou que reflictan no espello do mar os ollos da lúa. O galego somos nós. E somos galegos grazas ao galego. Velaquí o sinal de identidade que tantas veces procuramos sen encontralo: autoidentificación e autoestima. Non coñezo ningunha persoa intelixente e próspera, no social e no económico, que non presuma do galego. Aínda que non o practique con frecuencia suprema. Aínda que non lea esta columna en galego que quere pintar, sempre, o meu país coa vara das marabillas. Quizais porque somos bos e xenerosos, segundo Pondal. Orgullosos de chegar ata aquí, pese a tanto. Quizais por iso non podemos consentir tanta idiocia planeando sobre nós. Abonda. Deixen en paz o galego. Que viva e perdure mil primaveras máis. Pero que non sexan primaveras coma esta: contaminada por diatribas dos que pretenden converter o noso idioma nunha mercancía electoral. Os que falan de liberdade lingüística e en realidade son os parricidas da lingua. Exterminadores que só queren ferir o galego. Ferirnos. Maltratarnos. Galicia non merece nin sequera o oprobio de ter que escoitalos. Cada vez que escoito iso de «libertad lingüística» traduzo de contado: matar o galego. Pérfidos lingüicidas.