27 mar 2019 . Actualizado a las 22:42 h.

Diante do pedimento de López Obrador o único que non cabe é a indignación. Tampouco a negación. Iso foi o único que recibiu unha imperial e hispana indignación, dende a ignorancia da historia e o desprezo intelectual do presente. Despois do tempo das colonizacións e os imperios europeos veu o das independencias, as descolonizacións e, por fin, o mundo poscolonial, pero as ideoloxías coloniais perduraron. Nos últimos vinte anos ábrese camiño unha revisión decolonial do presente -e o pasado- nos debates intelectuais de todo mundo occidental, nas universidades, nos medios e na sociedade. Pero non en España.

Non se entende a López Obrador porque a España de matriz imperial non entende de que fala. Nada novo. En España, a pesar da derrota de Ayacucho, non se decataron ata 1898 da perda do imperio americano, e as elites vivírono entón como un drama moral. Leandro Prados demostrou, dende a historia económica, e Núñez Seixas dende a das ideoloxías, a dificultade española de pasar de imperio a nación. Pasoulle o tempo de ser o segundo sen querer deixar de ser o primeiro. O éxito do libro de E. Roca -como o do brexit e polas mesmas nostálxicas razóns- demostra a resistencia a renunciar ao imperio nos combates pola historia, aínda á custa de renunciar ao coñecemento a prol da ficción política. Pervivencia do imperio é o que se ve -amais de ignorancia- na resposta ao presidente de México

Que sabemos e estudamos do pasado, como se forman as nosas elites, os altos corpos do Estado, os embaixadores? Escoitando a reacción neste asunto, a España oficial semella moverse entre Balmes e Donoso Cortés. O ridículo neste caso é intercontinental, e a ofensa gratuíta. A historia hai que collela enteira, incluídos o xenocidio e a erradicación de culturas. Demasiadas capas imperiais. A continuidade dunha monarquía católica herdeira do imperio non axuda. O soño imperial de Franco quedou reducido a un cine imperial de consumo masivo e mais a unha deformada historia escolar. España non viviu a descolonización agás porque o NODO contou a despedida da garda mora, pero a guerra de Ifni nunca existiu, e do Sahara e Guinea mellor non falar. Portugal non o fixo mellor. Aos grandes imperios católicos ibéricos modernos custoulles asumir o mundo poscolonial, e aínda soñan coa recuperación de vellas glorias imperiais. Estamos no tempo do trumpismo.