Giulia Lanciani e Giuseppe Tavani


Con poucos meses de diferenza deixáronnos dous grandes dos estudos críticos da nosa lírica medieval. Dous grandes da tradición italiana de estudosos dos nosos cancioneiros, tradición que comeza co renacentista Anxelo Colocci a finais do século XV, compilador do que hoxe coñecemos como o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa, continúa coas primeiras edicións de Ernesto Monaci (1875) e Enrico Molteni (1880) e amosa nomes sobranceiros como Adolfo Musaffia (1895) e outros máis próximos a nós: Giuseppe Samsone, a profesora Luciana Stegagno Picchio... Á mesma estirpe pertencen os que hoxe despedimos: Giuseppe Tavani (1924-2019) e Giulia Lanciani (1935-2018).

Cando en 1964 o profesor Rodrigues Lapa inaugurou a Fundación Penzol en Vigo cunha conferencia sobre a lírica galego-portuguesa, o autor das Cantigas d’escarnho e de mal dizer, que publicaría a editorial Galaxia ao ano seguinte, fixo unha especial referencia á tradición italiana de estudosos da nosa poesía medieval e xa entón citou como autoridade nova os traballos do profesor Tavani, que estaba a editar daquela a obra do xograr Lourenço e de Airas Nunes, entre outros. E falaba o profesor portugués do interese que viña espertando nos investigadores europeos, máis concretamente nos italianos, a nosa literatura medieval, fronte ao desleixo ou pouca atención que amosaba entre nós.

Afortunadamente esta realidade (abandono, descoñecemento ou desleixo) ten mudado radicalmente. A escola de estudosos galegos da nosa lírica dos séculos medievais é arestora unha realidade puxante e vizosa, mais daquela, en tempos ben cativos, as cousas non eran así. Giuseppe Tavani constitúe unha referencia obrigada e de primeiro nivel nos estudos críticos da nosa literatura medieval, concibida como unha das literaturas fundacionais da lírica de Occidente. No ano 2004 foi recibido como académico de honra da Real Academia Galega, cun discurso que, no título, define claramente a súa posición: «Unha provenza hispánica. A Galicia medieval, forxa da poesía lírica peninsular», á que respondeu o profesor Ramón Lorenzo.

A tese de Tavani, que desenvolveu en numerosos traballos especializados publicados dentro e fóra de Galicia, é que a lírica medieval galega (mellor denominada así, non tanto galego-portugesa) alimenta unha vizosa tradición orixinal que enriquece poderosamete a literatura do seu tempo.

Con Giulia Lanciani publicou, entre outras obras, un documentado Dicionario da Literatura medieval Galego-Portuguesa (1993). Giulia foi recibida tamén como académica de honra na RAG no ano 2014, cun discurso que titulou «Aventuras e desventuras da transisión manuscrita da lírica medieval galega», ao que contestou Rosario Álvarez Blanco. Con apenas catro meses de diferenza, despedimos xa que logo a dous grandes da nosa mellor tradición literaria.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Giulia Lanciani e Giuseppe Tavani