A madalena de Proust


pasado xoves, na miña condición de presidente da RAG, tiven a honra, xunto cos compañeiros do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega de Ciencias e o colectivo Ciencia Nosa, de presentar públicamente a versión en lingua galega da Taboa Periódica dos Elementos Químicos: un cartonciño de traballo no que se recollen os símbolos dos elementos, os seus valores e características, dende o hidróxeno ao oganesson, que fai o número 118 e corresponde aos chamados gases nobres. Cando en 1869 Dimitri Mendeleev presentou a súa primeira táboa, o químico ruso identificaba 63 elementos. Hoxe a cifra vai dobrada e, segundo os especialistas, o proceso non esta pechado, a cada pouco hai un novo descubrimento.

Volvo ao cartón didáctico que por primeira vez traducimos e presentamos en galego grazas aos equipos que dirixen os profesores Ana María González, Marcelino Maneiro e Manuel Bermejo, da USC, os mesmo que hai pouco presentaron outrosí unha obra certamente novidosa: Guia dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións, editada polo Centro Ramón Piñeiro, auténtico vademécum da especialidade, onde podemos viaxar pola historia, características, aplicacións, orixes e importancia biolóxica de todos e cada un dos compoñentes do sistema, unha viaxe que nos retrotrae aos principios do coñecemento e a ciencia, nos que a química ten unha significación especial, ás veces (para os profanos) case que na fronteira da maxia, en calquera caso nos principios da explicación do mundo.

Teño nas mans os cartóns da Taboa Periódica e sinto o mesmo que o protagonista de En busca do tempo perdido, a novela de Marcel Proust, que, diante do perfume e o sabor dunha madalena mollada nunha cunquiña de té, viaxa no tempo aos recordos da infancia, neste caso aos pupitres das clases de don Mariano, no instituto de Pontevedra, que era quen nos poñía diante a Táboa: hidróxeno, helio, litio, berlio, boro, carbono… No ano 63 don Mariano explicábanos a dobre hélice da estrutura do ADN, pola que James Watson, Francis Crick e Maurice Wilkins recibiran o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina o ano anterior. Pintaba o esquema na pizarra e exclamaba: «Velaí o principio da vida». Os profesores da miña infancia e da miña adolescencia eran asi.

Todos temos unha madalena ou varias madalenas de Proust na memoria: un arrecendo, un sabor, un tacto na pel que nos activa. Oxalá que a tradución da Taboa Periódica axude a revisar esa decisión estreita, ese prexuizo cativo de querer reducir o uso do galego como lingua vehicular a unhas áreas de coñecemento e non a outras. A ciencia, as matemáticas, a tecnoloxía, a física e a química tamén son do galego, materias que transforman o mundo e axudan a facelo mellor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

A madalena de Proust