Elas, contentas

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

Carlos Castro

05 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O prestixioso sociólogo español Manuel Castells afirma que se está a fraguar unha conspiración contra a Europa do benestar, para ter un grupo propio no próximo Parlamento con representantes de partidos de ultradereita. Trataríase de converter a UE nun grupo de Estados que comparten determinados acordos, supeditados aos intereses nacionais, nomeadamente contra a inmigración, o Islam e o feminismo. Sobre este último obxectivo, pretenden «a restauración do patriarcado tradicional, eliminando a protección aos dereitos homosexuais e ás mulleres». Steve Bannon, estratego de Trump, sería o tecedor deste proxecto despois de abandonar ao presidente dos EUA por pelexas internas, pero convencido de que pode trasladar á UE, un «Movemento» (así se chama a súa fundación) a prol do supremacismo branco, cristián e viril. O caldo de cultivo élle propicio e ten un pé en Bruxelas, desde onde comanda a construción dunha base operativa común coa adhesión de líderes da extrema dereita en Italia, Turquía, España, o Reino Unido, Holanda, Alemaña e Francia. Tamén mantén relacións fluídas con formacións de extrema dereita de Polonia, Finlandia, Suecia, Noruega, Austria ou a República Checa. O seu obxectivo é chegar a ter un grupo antieuropeo no mesmísimo Parlamento Europeo logo das eleccións de maio próximo. A outra pata do seu proxecto estaría en Roma, onde Bannon estabeleceu unha alianza cos cardenais que lideran a rebelión contra o papa Francisco.

O movemento feminista sabe que está na diana de forzas poderosas e con poucos escrúpulos. O sociólogo norteamericano Michael Kimmel explica que a nova explosión do feminismo xerou un grupo que o combate: os AWM (angry white men, homes brancos cabreados) porque se lles cuestiona «todo o que aprenderan sobre cómo ser homes e séntense vítimas, vulnerábeis, ameazados, e asustados». O politólogo español Andrés Ortega anuncia que «hai un cambio cultural e o choque agora non é de civilizacións, senón de xénero».

É lóxico. Os privilexios son doados de rexeitar, mais este choque (négome a falar de guerra) estase a responder con mobilizacións masivas coma a do domingo en Lugo, onde dez mil mulleres de todas as idades -moitas, cos seus compañeiros e crianzas- saíron a ocupar as rúas cantando, vestidas de lila e violeta, con alegría e proclamando a chegada dunha civilización máis xusta, mesmo sabendo que no supremacismo machista as vítimas mortais están, nun 99 %, do lado das mulleres. Xa veremos a repercusión que esta confrontación terá nas urnas nas inmediatas eleccións xerais, autonómicas, municipais e europeas de España. Como reacción a Trump, nas recentes lexislativas dos EUA entraron no Congreso máis dun cento de mulleres entre as que hai lesbianas, indíxenas, musulmás, emigrantes e, notablemente, mozas. A política pode darnos aínda moitas sorpresas.