As razóns para votar en abril

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Férnandez Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

05 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os votantes móvense por dúas razóns: para que algo (ou todo) mude ou para que algo (ou todo) siga igual. Para que cambie o goberno ou para que siga a mesma forma de gobernar. Nas próximas eleccións os votantes vanse mover por máis que estas dúas razóns na esquerda e mais na dereita, e, aínda que non estamos seguros de cales serán esas razóns, sabemos que os partidos que atinen a interpretar os desexos dos votantes serán os gañadores. Coma sempre, si, pero xa non está pasando o de sempre. Os dous últimos gobernos, este de Sánchez e o anterior de Rajoy, e mailas dúas eleccións previas xeraron demasiados cambios no mapa político, nos partidos e nas percepcións dos electores como para poder prever os resultados de abril. Por baixo dos efectos da crise, o inacabable regueiro da corrupción desvelada (políticos do PP presos, as cloacas de Villarejo, o Estado e as finanzas, todo á vista), o asunto catalán desvendado nun proceso xudicial retransmitido e difícil de manipular, o neofalanxismo que asusta en serio a moitos votantes despois de Andalucía e que contamina asombrosamente a outros.

A mobilización dereitista non ten precedentes -nin complexos-, está difundida polo nacionalismo de balcón e ten un vórtice na Corte, axitado por mil nenos pera que caben nunha discoteca cantando o himno da Lexión, pero caza cos trebellos -cada vez máis grandes- que poñen PP e Ciudadanos. Cazadores e toureiros tenden a esaxerar e niso estamos, pero os deputados andaluces de extrema dereita son tanxibles e os medos, libres. Por iso unha novidade desta campaña electoral é o medo á contrarreforma (anti) constitucional nas liberdades, antiautonómica, patriarcal ata o delirio, aínda por riba disfrazada de liberdade de mercado e barba hipster pero sempre con zapato castelán. O medo é unha das novas razóns para votar: malo para a liberdade, disciplina aos votantes e esvaece as dúbidas.

Polo de agora é o PSOE, dígano ou non as enquisas, o partido que está atinando máis nos desexos dos votantes que poden caer no seu radar ideolóxico. Dende os populares aos nacionalistas -falo de Galicia- chegaranlle votos para que nada empeore, segundo os seus respectivos puntos de vista; tamén se reabriron os tradicionais vasos comunicantes co minguado ámbito de IU que leva nutrindo ao socialismo hispano dende 1982. Esa canalización do voto da esquerda en dirección ao PSOE séntese, pero non chega para evitar a contrarreforma e aínda pode rematar nun posible goberno de coalición dos socialistas con C’s. Os resultados no resto da esquerda dependerán coma sempre nestes casos -como en Andalucía- do chamado «voto dos anarquistas». Esa esquerda hipercrítica e concienciada -por veces un punto repunante- pode nutrir a mobilización electoral ou absterse. Contra ela, e para lograr a súa doada desmobilización electoral -ao cabo os anarquistas non votan por definición-, certa dereita pon trampas cargadas de moralina. A abstención dos partidarios de Sanders trouxo a Trump, a dos europeístas británicos trouxo o brexit. As maiorías inesperadas sempre se construíron desmobilizando ao contrario. A que non ten dúbida é a mobilización da dereita.