Os amigos non sempre axudan. Estes días, co carnaval de Verín alimentando a troula, andaba eu na procura de musas, e músicas, entre paseos que non levan a ningunha parte. Cando busco inspiración paseo coas mans detrás das costas. Cando só busco distanciarme do mundo, paseo tamén coas mans atrás. O Mariló só pasea nas fins de semana e, tamén, no entroido. Pecha o negocio e despois de comer ten que ir camiñar. Eu non sei cando lle entrou esta teima, pero o domingo de corredoiro, sen ir máis lonxe, aínda estabamos coa comida na boca e xa parecía ansioso por saír. «Vamos, neno, que se fai tarde», repetíame unha e outra vez.
Na rúa encontrou a un coñecido. Estivo falando con el media hora. «Moito terías que confesarlle», díxenlle eu farto de agardar por el. E engadín: «Que tiñas que contarlle ao Luis?» Naquel momento cambiou a cara do Paco Mariló. Púxose esbrancuxado, rostro pálido. Resulta que en media hora dirixírase ao Luis chamándolle Manolo. Manolo para aquí, Manolo para alá. Estragueille o paseo. E máis cando me puxen a recordar algunhas das nosas vivencias. Afirmo que o fixen con cariño porque o Luis -para o Mariló, Manolo- deixouno en transo melancólico. Lembreille aquel carnaval en que fomos a unha pizzería comprar un par de pizzas para levar á casa. O pizzeiro preguntounos: «Córtovos as dúas pizzas en catro ou oito cachos?». E o Mariló, moi simpático, dixo: «A min en catro, porque con oito non vou poder». Xenio e figura. Pero o Mariló seguía dándolle voltas ao Luis, Manolo, Manolo, Luis. No paseo non sabiamos de qué falar e eu pregunteille: «Mariló, liches o meu último libro?». El, con sorna, contestou: «O último? Menos mal!!!». Os amigos non sempre axudan.