A Gran Galicia, tempo para pensar

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

23 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

inveterado ‘ti vai facendo’, documentado xa no século XVI nas relacións de aforamento, chegou ao paroxismo nos anos 70 coa autoconstrución de casas unifamiliares, expresión tanxible da ilusión dos retornados da emigración. Logo, a través do fetiche do feísmo e a maxia da paisaxe, derivou nunha hiperregulación con normas, leis, catálogos, cheos de boa vontade, sen tempo para asumilas e sen que, como era de prever, satisfagan a maioría residente.

Que facer cun país que se vai desaloxando desde hai cincuenta anos, abandonando aquela Galicia pedraiana que alimentou boa parte do discurso autóctono, bela pero pobre, cunha perentoria necesidade de fuxir do infortunio.

Observando as dinámicas de concentración urbana a nivel global, resulta imposible formular unha apócema que permita resolver o baleirado das áreas rurais. Os alcaldes e concelleiros ven con desesperación como diminúe o empadroamento a medida que van falecendo os habitantes resistentes, e non saben a que aterse.

A autocompracencia dos inicios da autonomía reverteu hoxe nunha forma de culpabilidade, como se as administracións e os galegos fosen os responsables de non residenciarse e ter fillos e, polo tanto, da ausencia de poboación de reposición nos municipios rurais. A pesar das innegables melloras, se se pensa nos servizos, no lecer dos fillos e no seu futuro residencial e profesional, acaso non é difícil para os nosos mozos tomar a decisión de empadroarse, aínda que o agro xere recursos para soster a unidade familiar?

Necesítase tempo para pensar colectivamente, porque ningunha opción política ou asociativa ten a solución milagrosa. Tempo para establecer criterios de actuación ponderados, compartidos, que impidan ocorrencias ou excesos normativos, unha especie de tregua lexislativa que permita asimilar o existente e aclarar a aplicación do principio de subsidiariedade entre Xunta e municipios, como no caso da ordenación urbanística e a protección do patrimonio.

Mentres, exercer sistematicamente a solidariedade coas áreas deshabitadas, con recursos de Europa, de España e da Galicia urbana, para crear actividade económica que demande emprego de xoves, non necesariamente empadroados, galegos ou non, empezando a pensar en clave de mestizaxe.

Mentres, as administracións teñen que ser coidadoras da Gran Galicia xunto aos seus habitantes resistentes. Medidas como a programada pola Xunta para facilitar a capilaridade do transporte de viaxeiros de forma que chegue a todos os recantos marcan unha senda.

Mentres, dotarse de pautas de actuación que convenzan os munícipes para a construción da vivenda illada e os seus anexos: manexo coidadoso da topografía, paramentos con matices do branco, bufardas, canos e valados sinxelos ou, por poñer outro exemplo, impedir nas áreas elixidas que os eucaliptos coroen os montes.

E asemade a aceptación irrevogable de que a ruína, por moita compaixón que levante, forma parte da historia da nosa paisaxe antropolóxica. E isto é todo un tema para reflexionar.