Mordaza

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Non sei en que momento nos deixamos atenazar. Un día pensabamos que tiñamos unha chea de liberdades adquiridas que nunca perderiamos, e, de súpeto, non podiamos manifestarnos en certos sitios, a policía podía botar horas identificándonos, podían espirnos en plena rúa para reducirnos, tiñamos que pedir mil permisos para manifestarnos coma se, en realidade, a manifestación fose un favor que nos fai papá Estado, e nin sequera podiamos facer fotos dos policías que se extralimitaban nas súas actuacións (si, teñen esa sona por algo, ouso dicilo). Detrás diso veu aquilo de que algúns fiscais e xuíces se sentisen quen de actuar contra xente que canta nos escenarios e actúa nos teatros. Non sei, en fin, cando pensamos que unha democracia podía ceder as liberdades de manifestación e de expresión.

Descubrino non hai moito, nunha asemblea con rapazada de vinte anos que quería manifestarse para unha reivindicación máis que inocente. Era unha cuestión escolar, e querían só amosar o seu malestar ante unha autoridade educativa de segundo nivel, pero o medo púidolles. De súpeto, guiadiños coma se non tivesen vinte anos, atopábanse con que «cumprir as normas» implicaba non poder manifestarse, nin ser escoitados, nin ser libres. Cumprir a norma significaba sucumbir á inxustiza, e, naquela asemblea, víronse amordazados ata que fomos as persoas máis vellas quen, curiosamente, animabamos á mocidade a rachar cunha norma inxusta. Así actúan os totalitarismos, con esa falsa lóxica da orde, da seguridade e da protección.

Porén hoxe é un día mellor, porque o sentido común comeza a comparecer no Congreso e por fin, despois de curiosas e dolorosas dificultades, vai reescribíndose aos poucos unha lei que nunca debeu chegar a redactarse.