O corazón nas pontes


Nas películas de guerra, un dos grandes momentos -momentos decisivos no argumento do filme-, mentres as tropas avanzan e sentimos o tremer dos carros de combate na pantalla, é cando proceden a dinamitar as pontes: cortar toda comunicación posible coas forzas inimigas. Dinamitada a ponte, xa non hai marcha atrás. Como no Rubicón de César (ano 49 antes de Cristo). Non hai constancia de que alí houbese ponte ningunha, pero tanto ten.

Unha das grandes películas da nosa infancia era A ponte sobre o río Kwai (1957). Todo o filme céntrase na construción da ponte sobre o río e na súa destrución final. Pero a min a que sempre me impresionou foi a escena de Por quen dobran as campás (For Whom the Bell Tolls, 1943), de Sam Wood, cando María (Ingrid Bergman) está á espreita de que Robert Jordan (Gary Cooper) faga estourar as cargas de dinamita que deteñen o avance do exército franquista na fronte de Segovia, na Guerra Civil española.

Ernest Hemingway escribiu a novela a partir da súa experiencia como correspondente na guerra de España e os protagonistas son o militante das Brigadas Internacionais, o inglés Jordan e a mociña María, que vive entre os maquis a loita pola República.

O inglés trae a encomenda arriscada de voar a ponte, mesmo sabendo que pode morrer no intento, e loita ata última hora entre o amor que sente pola rapaza e o seu compromiso político. Entrega a vida pola causa e nos minutos finais, cando está a piques de estoupar a dinamita, escóitase a voz de María: «Meu Deus, que non lle pase nada. Todo o meu corazón está nesa ponte».

Non é a primeira vez que falo nestas mareas da significación das pontes para manter a relación co adversario, non necesariamente inimigo.

Mentres esa comunicación exista, os acordos son posibles, e hoxe máis ca nunca necesitamos acordos, grandes espazos para o entendemento, pontes sólidas para a comunicación. A Constitución do 78 construíuse desa maneira: con mensaxeiros discretos, con relatores, citas e encontros preparatorios para as grandes decisións. E con intelixencia política, por suposto, ollando a medio e longo prazo, non caneando na área pequena.

Xa temos datas electorais. Imos con todo xunto: xerais, locais, autonómicas e europeas. Mais o importante non son os resultados, que han ser os que ordenen as urnas, senón as relacións que ao día seguinte se poidan manter entre as partes.

Como se dinamitan as pontes en política? Para empezar, coa incontinencia verbal, as descualificacións gratuítas, as mentiras (cando non calumnias), a demagoxia do púlpito enlouquecido, as medias verdades, os insultos…

Hai quen por un titular enxeñoso (aparentemente enxeñoso) perde o rumbo. Ollo coas afirmacións que facemos, que logo non teñen volta! A voz de María non se me vai da cabeza: «Todo o meu corazón está nesa ponte». Nesas pontes necesarias, deberiamos dicir.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

O corazón nas pontes