Franco e o pórtico da Gloria

Esculturas de Abraham e Isaac
Esculturas de Abraham e Isaac
Antonio Míguez Macho

O Dereito ten moito que ver co pasado, e por iso a Historia do Dereito deu especialistas reputados como Francisco Tomás y Valiente ou Bartolomé Clavero. Pero deu tamén outras escolas como a do reitor da Universidad Rey Juan Carlos, acusado de plaxio, ou o seu mestre, reitor da Complutense e conselleiro madrileño que agasallou cun honoris causa a máis dun delincuente económico. A recente sentenza dun xulgado de Madrid sobre se dúas estatuas do pórtico da Gloria son propiedade da familia Franco ou deben devolverse ao Concello de Santiago abre interesantes vías de reflexión: que é o patrimonio público, que é un ben público e como isto se demostra pode quedar en cuestión despois desta sentenza. Se vostede atopa na súa leira un casco de ouro ou na súa casa de Lugo un mosaico romano, a quen pertence coa lei na man?

Cando unha xuíza avalía un pasado de hai sesenta anos hai que supoñer que é quen de conformar unha idea cabal daquel tempo e das condicións socio-políticas da ditadura, mais cómpre saber se pola vía da memoria como emoción ou pola da Historia como coñecemento, pois para a memoria o pasado é o tempo do presente e para a Historia o presente é o tempo do pasado, di Reyes Mate. A sentenza fala con voz propia verbo do pasado, cando vén dicir que a lenda ou tradición familiar -chamada memoria- é proba máis plausible para o dereito positivo que as actas municipais ou os oficios institucionais que dan conta á mantenta da compra e posesión das estatuas polo Concello de Santiago. Fala tamén cando afea ao Concello non ter disputado fronte ao ditador esa posesión. Abofé que pasado é un país estranxeiro, un tempo descoñecido, e unha soa memoria non serve para coñecelo.

Todos somos historia e memoria, pero cando vivimos o presente sen recoñecer ou entender o pasado este é capaz de converterse adoito nunha pesada carga. O pasado non nos ata se non queremos e se o coñecemos. Análise de redes e construción de prosopografías son métodos de historiadores para coñecer as sociedades do pasado e as súas relacións de poder, e a partir de fontes hemerográficas ou institucionais poden reconstruírse as redes de poder do pasado coas súas relacións formais ou informais. O emprego das coleccións do ABC, do ¡Hola! e do BOE para identificar estas redes permite atopar como testemuñas na voda do capitán Medrano e a señorita Aranguren en 1962 ao secretario particular e curmán do ditador Francisco Franco, Salgado Araújo, Pacón, ademais de Luis Carrero Blanco, Camilo Alonso Vega ou Agustín Muñoz Grandes, entre outros xerarcas da ditadura. Estaban alí porque Carmelo Medrano, pai do noivo, subsecretario do Ministerio do Exército naquel momento, era un dos seus. Golpista de primeira hora en Melilla o 17 de xullo de 1936, asinará xusto debaixo do propio Franco o parte de guerra da vitoria en abril de 1939. Cando valoramos o pasado, a memoria e a afectividade entran en xogo inconscientemente, pero tamén as relacións sociais e iso que chamamos pautas culturais, construídas historicamente. De todo parece haber nesta sentenza, analizado con ollos de historiador o relato do pasado que contén.

Por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho Son, respectivamente, catedrático de Historia Contemporánea da USC e Investigador Ramón y Cajal no departamento de Historia da USC

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
68 votos
Comentarios

Franco e o pórtico da Gloria