Venezuela


Contan as crónicas que cando Colón, na súa terceira viaxe, tocou a embocadura do Orinoco, escribiu unha carta á raíña Isabel de Castela anunciándolle que chegara ao Paraíso Terreal. O meu tío Antonio, que non era Colón, pero que tamén era de Pontevedra, escribía dúas veces ao ano dende Caracas á miña tía Carmiña, que lía as cartas diante da familia despois da cea de Noiteboa. Son as lembranzas que teño de neno. O meu tío Antonio e a tía Luisa, coa miña curmá, que era unha pequeniña cando marcharon, e os ollos húmidos da avoa Elvira, moi velliña, escoitando as noticias.

Andando os anos visitei a Irmandade Galega de Caracas, que nos primeiros anos oitenta pasaba por ser a sociedade con maior número de galegos asociados. Alí coñecín aos pontevedreses Manolo e Xosé Sexto, pai do poeta e arquitecto Fuco Sexto, e mais a Manuel Ramos, que daquela era presidente, e a Sarria, e a Eduardo Meilán, e a Víctor Cachafeiro, xa ben maior, que dirixía un exército de gaiteiros, mociños todos, alumnos e alumnas do Colexio Castelao da Irmandade, e a Chelo e Óscar Noya, coa súa filla Paz, tan acolledores, persoeiros de referencia na colectividade.

Paz Noya, neta do autor de Fuxidos (Juan Noya Gil), un dos primeiros libros onde se dá testemuño da represión fascista en 1936, finou en París moi nova. Despedímola un día triste, entrada a primavera, esparexendo as súas cinzas dende os cantís da Guarda coa vista posta do outro lado do océano, onde nacera e onde quedaba a casa dos seus país, que levaba sempre consigo. Na casa dos Noya paraba Eduardo Blanco Amor. Por alí pasou tamén Pura Vázquez, a poeta, que durante un tempo viviu nestas terras, e Suso Vaamonde, o cantante, cando tivo que fuxir por unha denuncia pontevedresa, e Celso Emilio Ferreiro, e Pepe Velo, e o pintor Mario Granell… Estou a citar de memoria, mais a lista podería ampliarse bastante máis, mesmo sen saír do eido da cultura. Silvio de Santiago, autor de O silencio redimido, outro libro testemuño das calamidades da guerra, foi tamén personaxe sobranceiro daquel tempo.

Venezuela foi a principal referencia da emigración galega nos cincuenta e primeiros sesenta, a canda o devalo de Buenos Aires e as repúblicas do sur, pasado o tempo de Cuba e de México. A Irmandade Galega de Caracas presumía de ser a gran casa de acollida, xunto con outras asociacións na capital e noutras localidades da república: os Fillos da Estrada, as Benéficas de Lalín, A Coruña e Pontevedra, os fillos de Viveiro, o Centro Galego de Puerto La Cruz, a Irmandade de Puerto Ordaz no Estado de Bolívar, as asociacións de Carabobo, Maracay, Barquisimeto, o Centro Galego de Maracaibo… Coas noticias destes días non podo evitar un alento de saudade dende estoutra beira do mundo, que tamén é súa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Venezuela