O día 29 de xaneiro presentouse en Santiago, no centro Ramón Piñeiro, a monografía en italiano La letteratura galega. Autori e testi, deseñada e elaborada na Universidade de Padova e publicada, hai meses, por Carocci Editore (Roma). Imponse sinalar -e celebrar- que a Xunta de Galicia (Política Lingüística) colaborou economicamente de xeito eficaz na edición desta magna obra. Non existe fóra de Galicia, ata onde sei, unha colectánea de textos galegos (en edición bilingüe), coas pertinentes ilustracións eruditas, da súa ambición e valía. O responsable intelectual deste monumental volume é o profesor Giovanni Borriero, que tivo sempre a súa beira á profesora galega Gemma Álvarez Maneiro, lectora de Galego, naquela universidade italiana, nos anos en que se realizou boa parte deste volume.
Despois da presentación conversei dúas horas co profesor Borriero, charla que foi, para min, un agasallo de erudición itálica e galaica. El, na colectánea, é autor de dez capítulos dos 50 de que consta esta obra (os 50 primeiros protagonistas do Día das Letras Galegas). Xa asombra, no profesor Borriero, que traduza e comente escritores tan distintos como Mendiño e o pai Sarmiento, ou como Bouza Brey e Castelao. Eu sabía, desde o noso primeiro encontro, o ano pasado, na Universidade de Vigo, que o ilustre profesor de Padova coñecía moi ben e interpretaba con moito xeito a poesía de Celso Emilio Ferreiro, sobre o que xa publicara dous traballos en 2013. Observo agora, lendo La letteratura galega, que el é o autor do capítulo XII, dedicado a Curros Enríquez, mestre da musa civil e satírica de Celso Emilio. Cómpre salientar que o profesor italiano non é un estudoso monotemático. Interesado a fondo pola musa social e contestataria de Celso Emilio, traduce un poema esencial de Longa noite de pedra, para, logo, ofrecernos a coidada versión italiana dun dos grandes poemas amorosos do autor («Cando quero vivir, / digo Moraima […] Cando quero morrer, / non digo nada. / E mátame o silencio / de non dicir Moraima»).
O tradutor, que tanto gusta deste final («E mi uccide il silenzo / di non dire Moraima»), é especialista na lírica medieval galega e coñece a fondo as cancións amorosas do noso Martín Codax, a quen traduce co máximo decoro filolóxico, e tamén ao singular Mendiño.
O profesor italiano, xa benemérito para a causa da poesía galega alén das nosas fronteiras, cando fai incursións na nosa poesía non só está atento ao fungueiro das musas bravas, sexan as de Manuel Curros Enríquez ou as de Celso Emilio Ferreiro, senón ás delicadas -e angustiadas-dos grandes cantores do amor, chámense Martín Codax ou Mendiño, quen pon na boca dunha namorada desesperada este verso: «Morrerrei eu, fremosa, no alto mar». O italiano axéitase ao laio desta namorada do século XIII: «Moriró io, bella, nell’alto mare».