BNG ás europeas

Ana Pontón
Ana Pontón EN LIÑA

OPINIÓN

07 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A través das cartas ao director deste xornal, un lector preguntábame directamente por qué unha coalición con EH-Bildu e ERC ás europeas. Porque estas eleccións teñen circunscrición estatal é iso penaliza ás forzas políticas que non o somos. De aí esta alianza como instrumento para asegurar que Galiza volva ter voz propia en Bruxelas, coa garantía de que o escano do BNG volverá ser o escano do pobo galego.

Dicía o lector que podía compartir a miña valoración sobre a candidata do BNG, Ana Miranda, no sentido de que ela fixo máis e mellor traballo por Galiza que o resto de eurodeputadas e eurodeputados galegos xuntos. E remítome aos feitos: a frota do xeito, as vítimas do Alvia, a loita contra os abusos bancarios, o saneamento integral das rías, a batalla para a devolución dos bens espoliados polo franquismo, a emigración da nosa mocidade... todas estas causas e outras moitas fixeron ouvir as súas demandas a través do escano do BNG.

Levamos anos enfrontando esa cita electoral en coalición con organizacións de Euskadi e Cataluña, apostando polo diálogo e pola pluralidade política nunha Eurocámara cada vez máis virada á extrema dereita. Pero sempre desde a total e plena autonomía, cun único obxectivo e cunha única lealdade: a defensa dunha Galiza mellor.

Por iso, tanto ese lector como calquera que considere que Galiza non pode quedar muda no Parlamento europeo (como hoxe o está no Congreso) o 26 de maio ten a oportunidade de coller a papeleta do BNG, encabezada por Ana Miranda, coa tranquilidade de que o seu voto servirá para darlle voz aos galegos e ás galegas, coa confianza de que o escano do Bloque volverá ser o escano deste pobo. Ten a miña palabra e aí está o traballo inxente destes anos en Bruxelas, que nos avalan para volver pedirlles o seu apoio o 26M.