A violencia é simplificación

OPINIÓN

04 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aviolencia sempre nos leva dereitos á simplificación: Violencia non son tan só as guerras, o terrorismo, a explotación duns países por outros máis poderosos, senón tamén o espallamento de noticias falsas, ata o descoñecemento dos dereitos das minorías ou unha linguaxe, moi común hoxe na política, que trocou a razón pola aldraxe

Neses casos, entre tantos outros, hai sempre simplificación: a guerra, o terrorismo, a explotación colonial, a falsidade informativa, a marxinación das minorías, a linguaxe que fai primar a aldraxe sobre a razón, son situacións que agochan sempre no seu seo violencia, certo que en distintos graos, e, con ela, simplificación. E xa sabemos que pasa cando aplicamos a simplificación a realidades complexas: que quedamos fóra de órbita, descolocados.

Ninguén pode negar que existe entre nós unha violencia verbal, alporizada e case sempre en procura da aldraxe, nos comportamentos e manifestacións dos políticos, tan agresiva que procura fulminar ao contrario, linguaxe que evita entrar nos problemas reais da xente, mostra clara dunha miserable violencia e certa simplificación.

Pero cando un político recorre a estas trécolas, o que está facendo é faltar ao compromiso que pechou cos seus electores, pois non hai a menor dúbida de que está afastándose do mandato que lle foi conferido, que non é outro que servir ao ben común. Ou sexa, está facendo unha estafa aos seus mandantes.

Violencia e simplificación van sempre emparelladas, polo que a violencia na política, incluída a súa linguaxe, supón un claro e manifesto atentado contra a política mesma, que nos esixe calquera cousa menos simplificación. Porque somos unha sociedade complexa que esixe sosego, ideas e intelixencia, non violencia e simplificación.