Tóxicos


Atribúese a Joseph Goebbels, responsable da política de propaganda do Terceiro Reich, a coñecida frase de que «unha mentira repetida mil veces acaba sendo verdade». Goebbels, doutor en filosofía, non era un ignorante. Sabía moi ben o que dicía e o que facía. A intelixencia non é unha virtude en si mesma, depende da causa para a que traballe. A técnica de Goebbels, apoiándose na extraordinaria penetración popular do cine e, sobre todo, da radiodifusión (primeiras grandes tecnoloxías da comunicación de masas), consistía en repetir sistematicamente consignas que as audiencias non podían contestar, nin comprobar, nin cuestionaban sequera, abraiadas diante da gran máquina do poder, encarnada nesa mesma tecnoloxía, e nunha retórica esmagadora, rotunda e totalitaria, que anunciaba solucións milagreiras á custa de eliminar toda dúbida, vacilación ou discrepancia.

Os inimigos eran os xudeus, os comunistas, os esquerdistas todos, os demócratas despois, os xitanos, os homosexuais, os latinos, as razas inferiores, apelando a unha clase media confusa, asustada e desinformada, e cun discurso ao servizo das minorías oligárquicas (vestidas de aristocracia) que ostentaban o poder e non estaban dispostas a perdelo de ningunha maneira. O mundo mudaba, mais o poder debía seguir nas mans dos únicos señores, elixidos por Deus ou pola Historia, para guiar os rabaños amansados. Tal é o esquema básico do fascismo.

Os usuarios do dicionario Oxford da lingua inglesa acordaron que a palabra do ano 2018 fose a voz tóxico, que se refire a algo pezoñento, velenoso, mais que non atinxe exclusivamente o ámbito da química, senón o ámbito social, os comportamentos persoais, a capacidade de algo ou alguén (persoas e discursos) para envelenar, infectar outras persoas ou mesmo o conxunto da sociedade. As mentiras, as calumnias, as falsas noticias construídas e difundidas para a manipulación interesada (iso que agora chamamos «posverdades») son tóxicos sociais que alteran o pensamento dos individuos, dinamitan os valores e introducen o pus ao servizo de intereses espurios. No dicionario, a palabra espurio significa o que non é auténtico, contrario á lei e aos principios da ética.

As novas tecnoloxías da comunicación, que agora son Internet, as redes sociais, etcétera, son as grandes transmisoras destas substancias. «A ditadura da lingua galega!», por exemplo, cuestión que xa circulou cando saíron as campañas de Galicia Bilingüe hai algúns anos. «Queren impoñer pola forza o galego! Os nenos xa non falan a lingua común de España nas escolas!». Todo isto escoitamos, ás veces cunha impunidade escandalosa. Son os tóxicos sociais, nesta cuestión e noutras. Será cousa de falar dos necesarios antídotos noutra oportunidade. Igual que a intelixencia, as novas tecnoloxías non son malas ou boas en si mesmas, senón en función de a quen serven e para que se utilizan.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
26 votos
Comentarios

Tóxicos