Covardía

OPINIÓN

24 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando eu era un cativo duns seis anos lembro que vin caer de bruzos a un home que ía coa muller. En canto ela deu en berrar pedindo axuda para que a valesen, asusteime e, empurrado polo medo e a covardía, dei en correr sen saber que facer ata que cheguei á miña casa e me metín no cuarto para chorar en silencio. Non dixen nada e nunca cheguei a saber se aquel home morrera dun infarto ou non. O que si é certo é que aquela imaxe aínda me persegue hoxe coma unha ferida aberta que supura e se nega a pechar.

Digo isto porque pensamos que o heroísmo está ao alcance de calquera. A distancia fainos crer que si, pero esa arroutada inconsciente que leva a afrontar un perigo ou a axudar a alguén que se atopa nunha situación de risco non está dispoñible na vontade de todas as persoas. Mais tamén é certo que esa pasividade se pode converter nunha omisión de socorro, como talvez acontece con algunhas das persoas que, nos intres posteriores á explosión de gas en París que lles apañou a vida a catro persoas, unha delas española, póñense a gravar cos móbiles mentres algunhas das vítimas piden auxilio.

A visión das escenas arrepía, e mesmo me trouxeron á memoria o capítulo durísimo da serie Black Mirror cando un encapuchado con escopeta aparece nun vello coche azul e mira de lle disparar a unha muller que foxe, desesperada, mentres varias persoas, cun interese obsceno e a sensación de gozaren dunha situación de privilexio, gravan a persecución co móbil.

De nos vermos en París, que lugar ocupariamos? O meu non o teño claro, porque o medo é libre.

O cativo que fun talvez optase pola fuxida. Mais tamén teño claro que, de me ver alí, o que nunca faría é gravar a miña propia covardía.