O galego, dignidade e democracia


Desprezar unha lingua é desprezar o seu pobo, limitar o seu desenvolvemento cultural, económico, político e social. O dereito dos pobos a empregaren a súa lingua é un dereito humano. A garantía de uso pleno é garantía de democracia, de liberdade e de progreso social. Isto inclúe ao pobo galego.

Cada certo tempo retorna un discurso tan cheo de odio como contestado socialmente. Utilizouno electoralmente o PP e o actual presidente da Xunta, promovendo a maior regresión e difusión de prexuízos sobre o galego da historia autonómica e baleirando o mandato legal de promoción da nosa lingua. Unha estadea que agora seguen outros, escandalizados co atrevemento de aspirarmos a que o noso idioma sexa tan normal, audíbel e visíbel coma calquera outro. Tanto como é o español, que si goza de toda a protección e de todo o impulso que lle discuten ao galego.

Non dubidan en mentir e inverter a realidade para encaixaren a súa xenreira. Non aturan que o galego e Galiza aínda existan. A presenza irrespirábel do galego é, na realidade palpábel, mínima. Ridícula, en relación a calquera lingua realmente oficial. Moi inferior, mesmo, en relación ao número de falantes.

Alguén imaxina un país con lingua propia oficial onde as actividades que se poden realizar nela son anecdóticas? Só co 4 % das emisións televisivas, co 4,6 % dos xoguetes ou co 5 % de sentenzas xudiciais. Un país onde escolarizar no propio idioma é imposíbel. Onde non se admite o propio idioma para realizar trámites imprescindíbeis como abrir unha conta bancaria, contratar un seguro, pagar impostos ou multas. Onde en casos de reclamacións, emerxencias ou dúbidas sempre existe unha cláusula oculta, mais con amparo político, de non poder ter atención na súa lingua. Onde o Estado exclúe do coñecemento da lingua ao seu funcionariado ou o Goberno autonómico non contrasta a competencia a través das probas de acceso. Ese país existe, é Galiza.

Cal é logo a lingua discriminada? Calquera galego sabe dos espazos nos que dunha maneira abafante a nosa lingua está excluída, vetada. Sen liberdade para empregala, simplemente, por non termos posibilidade. A quen fai mal que poidamos vivir en galego, iguais a calquera outro pobo? Aos profetas da vella España uniforme que odian a pluralidade lingüística, mais tamén a social, a sexual ou a ideolóxica.

O galego non é un capricho ou unha extravagancia. É unha necesidade para vivir con dignidade colectiva, nunha sociedade plural, democrática e xusta, que non admite o odio. Contra ninguén. E, moito menos, contra si propia.

Por Marcos Maceira Eiras Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

O galego, dignidade e democracia