A xeotecnia

María Canosa
María Canosa HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

21 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando estudamos, relativizamos pouco. As materias pensamos que son a nosa vida e que viven por si soas. Pero, en gran medida, dependemos de quen as imparta, de como nos aproximemos esa primeira vez a elas, de como enfrontemos o primeiro exame... Todo isto vainos condicionar. Incluso que o docente nos caia ben ou mal, que nos guste ou non como fala, se se aproxima a nós ou fala desde a distancia...

 Cando estudaba a carreira tiven un profesor que me fixo collerlle cariño a unha materia que ata entón me parecía árida como o chan máis agreste. Pero acabei por entender a importancia que temos que darlle á xeotecnia e a importancia da base do terreo.

Aquel home foi Manuel Melis, daquela un señor que viña de Madrid a dar as clases e marchaba. Ninguén nos explicou máis, pero acabei por saber da súa valía como técnico, como profesional. Se alguén en Madrid tiña dúbidas do que acontecía no subsolo, consultaban con el, con Melis.

A min fascinábame o xeito que tiña de falarnos das tuneladoras. Tiña paixón polas obras das que formaba parte. Así nos enganchamos ás súas clases, nas que falaba do que non se ve, pero sustentaba todo o que desexabamos construír.

Non son capaz de escribir sobre Julen. Non sei como reaccionaría se un día a terra traga unha das miñas fillas. Ten razón o seu pai: non podemos imaxinar o que senten. É imposible.

Hai grandes profesionais intentando rescatar o cativo. Agardo que haxa un Melis entre eles. Moito me lembro del estes días. E da xeotecnia. E dese cariño polo terreo que se volveu medo. Hai túneles negros.