Labazada envolta en cinismo

Ana Pontón
Ana Pontón LIÑA ABERTA

OPINIÓN

Ricardo Rubio

18 ene 2019 . Actualizado a las 12:30 h.

Os Presupostos que vén de presentar Sánchez son unha nova mostra da inutilidade das forzas estatais para Galiza. Despois dunha década de recortes do Partido Popular, chegan os socialistas -cun pacto co grupo de Podemos e En Marea- e dannos outra labazada na cara de todos os galegos e galegas cunhas inversións ridículas. Nun país que non recuperou o emprego perdido durante a crise, con precariedade e emigración, con graves desequilibrios sociais, ser o territorio onde máis baixan as inversións é ofensivo, impresentábel e significa poñer paus nas rodas ao noso desenvolvemento. Máxime cando o Estado non saldou a débeda histórica con Galiza.

E, por riba, pretenden envolvernos esa discriminación en papel de cinismo. Cinismo dun PP e dun Feijoo que xustificou todos os recortes e incumprimentos con Galiza cando gobernaba o seu partido, e que agora, amnésico, clama contra o agravio. Cinismo dun PSOE que dicía que 900 millóns de euros eran nefastos e antisociais, mais que agora ve 757 millóns como «realismo»... e nin se ruborizan! Cinismo do grupo de Podemos e En Marea dándose golpes no peito ante a discriminación, esquecendo que estes orzamentos son o resultado do pacto que asinaron co PSOE. Quizais cando tocou falar de Galiza saíron da sala de negociación?

Unha tomadura de pelo por moito que a envolvan en papel de cinismo. Porque a realidade é que as inversións no territorio galego sitúanse na cifra máis baixa en 17 anos, mentres outros avanzan: Andalucía conta con 2.132 millóns de euros e sobe un 43,85 %; Cataluña, con 2.051 millóns de euros, aumenta un 51,8 %; Valencia, con 1.189 (9,8 % máis), e Castela e León recibe 1.094 millóns, cunha suba do 9,4 %. É impresentábel. A pelota está no tellado dos 23 deputados e deputadas galegas. Menos xogos florais e máis política con maiúsculas. Se os Presupostos son malos malísimos, só hai un camiño: presentar emenda de devolución e negociar con Sánchez inversións dignas.

Hai que exercer como nación, ninguén nos vai agasallar nada. Necesitamos, como mínimo, investimentos similares aos de 2009, cando o BNG condicionaba os Presupostos do Estado, e demandar solucións aos nosos problemas: rescate da AP-9 para poñer fin á estafa das peaxes, tarifa eléctrica galega, rexeneración integral das rías e do litoral, fin da prórroga de Ence, devolución do pazo de Meirás, tren de proximidade, modernización de toda a liña ferroviaria e conexións cos portos, pago da débeda de dependencia e que o Estado asuma o custo de Punta Langosteira. Galiza non merece menos.