Atrocidade

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

14 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez hai máis violacións. A cada paso, un caso novo, distinto. As agresións sexuais non deixan de medrar, e o peor de todo é que semella que chegamos a un grao de atrocidade e demencia tal que non ten volta.

Non só é que violen. É que o fan en grupo. Non é un tolo que anda solto, non. Trátase dunha banda de conxéneres que se unen para xuntar forzas e someter con maior facilidade outra persoa. Son quen de utilizar a forza física e axuda de substancias narcóticas. É dicir, conseguen anular a vontade da vítima, deixala grogui ata o punto de que non sabe nin quen é para manter relacións sexuais con ela. Que tipo de depravación é esa? Como alguén pode obter pracer diso? É totalmente disparatado, inhumano, perverso.

Escápase dos límites da miña mente. De verdade. Non podo entender nin o máis mínimo. Nin sequera supoñendo que hai maldade nalgunhas cabezas, nalgúns corpos.

Por se fose pouco veño de ler unha nova que me deixa completamente perplexa. Unha muller levaba en coma 14 anos, ingresada nun hospital benéfico. Estaba, teoricamente, vixiada continuamente. O coma é o estado patolóxico caracterizado pola perda da consciencia, da sensibilidade e da mobilidade.

E con todo isto, esta muller de Phoenix, acaba de dar a luz. Os médicos non detectaron o seu estado ata que estaba case a piques de parir. Así como o oen. Vaia, que foi vítima dunha violación, porque ten a vontade completamente anulada. (Sóalles doutros casos?)

É rastreiro e desprezable. Vaia mundo estamos creando...