Memoria histórica


A verdade é que sempre pensei que o meu pai e a miña nai viñan de dous países diferentes. As de Berredo e os de Armariz non tiñan nada que ver. Falaban e relacionábanse de xeito distinto, até mudaba o xeito de facer pan ou chourizos. A miña teoría era que os dun lado tiñan don de xentes porque na súa terra vivían das profesións itinerantes e desenvolveron ese talento para sobrevivir, e os do outro tiñan boas terras, e con iso chegaba para saír adiante. Incluso as razóns para emigrar eran diferentes: ela buscaba saír; el, marchou prófugo.

Hoxe a nosa terra está máis unificada con respecto a acentos e formas de ser, pero ás veces, cando me atopo por exemplo na costa, teño a sensación de estar nun país distinto, cos seus costumes e rutinas. É realmente fascinante pensar que en menos de cen kilómetros unha pode sentirse migrante; pois cando unha marcha da súa contorna a outro lugar, por moi preto que sexa, tenta adaptarse a ese novo modo de estar e de facer. Non fai falla marchar lonxe para sentirse de fóra.

Estes días, lendo sobre Trump e Vox, penso na perda da memoria adquirida polos dous países que coñezo tan ben. Países que percorrín de punta a punta, que me ensinaron a ver as cousas con perspectiva, onde coñecín migrantes de todas partes e aprendín de todos eles.

A migración humana trae progreso, os de fóra dannos a oportunidade de mirar ao noso con outros ollos, de intercambiar ideas. Todos merecemos os mesmos dereitos e oportunidades. É por iso polo que non debemos esquecer cantos, entre os nosos, foron refuxiados, escapados ou migrantes, para así non nos deixar levar polas ondadas de odio que semella que están a mudar o mundo.

 

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
28 votos
Comentarios

Memoria histórica