«Moveunos un neno, Aylan Kurdi, a facer todo isto», declaraba o activista Óscar Camps nunha entrevista para Unicef. A foto do neno sirio afogado na beira do mar foi o detonante para que Camps comezase un camiño de ida cara ao rescate das vidas dos que, fuxindo das guerras, das inxustizas ou da fame, deciden cruzar o Mediterráneo ou o Exeo, desafiando á morte e cunha soa idea nas súas cabezas: salvarse, sobrevivir.
É incrible pensar que unha organización que naceu no ano 2015, Proactiva Open Arms, leve salvadas 59.395 vidas nestes tres anos. Óscar Camps, o propietario dunha empresa de socorrismo de Badalona, foi capaz de facer do seu talento unha responsabilidade, creando unha das oenegués máis relevantes dos últimos anos.
Hoxe é o día dos Santos Inocentes, día no que, a través de bromas máis ou menos macabras, celebramos a matanza dos nenos menores de dous anos ordenada por Herodes, o rei de Xudea. E ás veces penso se non sería mellor dedicar un día coma hoxe á sensibilización da sociedade cara aos milleiros de inocentes que desaparecen cada ano. As imaxes son duras, pero as historias que non se contan, as de cada un dos que conseguen chegar a algures, son historias que probablemente nos axudarían a entender un pouco mellor o mundo que nos rodea e a aprender que, aínda que non o pareza, non estamos tan lonxe desas realidades.
Dicía Camps: «Se un grupo de voluntarios case sen recursos coma nós fomos capaces de facer isto, imaxina o que poderían ter feito as administracións públicas». E é que se non fora polos que deciden dar un paso adiante para cambiar o mundo, as inxustizas contra os inocentes serían, se cadra, máis invisibles.