A beleza

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiven que deixar pasar uns días desde que lin a nova para escribir con tranquilidade, aínda que con contundencia. Deberiamos ser todos responsables do que facemos, do que lemos, do que queremos saber. O único que me importa da familia real é o seu traballo como representantes nosos, así como o que disto se derive. Exclusivamente. Mais é practicamente imposible que non coñeza algunha que outra anécdota persoal dos seus membros, porque os medios bombardéannos con iso. A última que coñecín afecta á herdeira do trono. Leonor é unha nena, que vai ao colexio, e debera facer vida neste coma a dos seus compañeiros. E inténtao. Por iso participa nas excursións coma calquera outra alumna. Ata aí todo ben. O que non entendo é como chega a min a información de que, nesa xornada, entrou nunha confeitaría e mercou algo de chocolate. Aínda peor! É que parece que á proxenitora da nena non lle gusta que as fillas coman doces. Ah, pois ha estar contenta a nena de que o saiba todo o país, nai incluída, claro! Pero o peor de todo é que a publicación escrita asegura que a raíña é moi estrita na alimentación para que as nenas teñan o corpo de película que teñen. Con 11 e 13 anos. Os corpos marabillosos das nenas son os que lles permiten correr, brincar, expresar felicidade, gozar da saúde. Eses son os únicos corpos que se lles debe presupoñer ás infantas e crianzas, Reais e reais. Ai, a beleza. A beleza dos corpos é ter saúde, física e mental. Pero desta tiranía das aparencias non se libra nin a monarquía. Ai!