Eu saín correr

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

21 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que eu saía correr. Dous días á semana deixaba a nena no colexio e botaba a correr pola contorna. Á beira da estrada e por camiños do monte. Así foron as últimas veces que practiquei deporte. Nos comezos, fíxeno por riba da muralla de Lugo. Ía moi amodiño, case camiñando, porque coller resistencia física é algo que vai aos poucos. Tamén corrín por paseos doutras cidades: Ourense, A Coruña. A plena luz e case sen ela.

Apoiada na ventá, ao cabo do día, sinto as ganas preméndome todo o corpo. Como me gustaría saír correr, agora que rematou a xornada. Para que? Para sentir que son eu, que me doen as pernas, que hai aire azoutándome a cara, que súo porque estou viva... É unha maneira de berrar que é imposible conciliar a miña vida. Xa non engado laboral, digo simplemente «miña». Como me gustaría saír correr e que medo me dá intentalo. Seguramente o primeiro día non dera avanzado máis de cincocentos metros, pero sería medio quilómetro de angustia, de mirar cara aos lados analizando cada un dos rostros cos que me atopo. Correría por medo, non sen el.

Porque teño medo. Temos medo. Atacar a unha corredora é agredirnos a todas. E pasa outro día e non saio. E sinto o peso inmenso sobre a miña cabeza de todo iso que non puiden facer. De todo o que sacrifico. De todo o que me rouban, como a sensación de sentir o aire entrando nos pulmóns mentres progreso sobre as miñas pernas. As miñas pernas. O meu corpo. Eu. Viva.

Eu, que saín correr. Eu, que teño medo de volver facelo.