As súas páxinas non só protagonizaron a actividade literaria o 17 de maio (o Día das Letras Galegas), senón a de varios meses do presente ano, sobre todo nos centros escolares, onde os seus relatos e a súa poesía suscitaron o interese do alumnado infantil (Mar adiante) e do adolescente (Anagnórise). Agora ben, dentro e fóra das aulas, unha faceta que sorprendeu e impresionou aos nenos e aos adultos foi a condición extragalega de María Victoria Moreno, nada en Valencia de Alcántara (Cáceres) e formada, lingüisticamente, en distintas localidades da provincia de Segovia. Sorprendeu, en efecto, que esta estremeña-segoviana optase polo cultivo, defensa e ilustración do idioma galego nun momento en que ela xa acadara un éxito notable como narradora na súa lingua: fora finalista, en 1962, do Premio Café Gijón (Madrid) con Alcores de Donalvar, novela non allea ao realismo social. Aínda sorprendeu máis que esta escritora fose unha activista entusiasta e teimuda da causa da lingua galega en conferencias e cursos. Cómpre ter en conta que algúns destes cursos, nos últimos anos do franquismo, foron semiclandestinos.
En Pontevedra, onde María Victoria era profesora oficial de lingua castelá nun instituto desde 1967, as xentes ben pensantes non saían do seu asombro («Esa chica, al parecer muy buena profesora, que no solo utiliza el dialecto que hablan nuestras criadas de servir sino que piensa, en su delirio, que el gallego debe tener los mismos derechos civiles que el castellano»). A Policía -daquela, de cheo, ao servizo deses estamentos ben pensantes- tampouco saía do seu asombro, tanto que, como medida punitiva e, asemade, de aviso, retiroulle o pasaporte. Así pois, non podería viaxar ao estranxeiro nin tampouco fuxir da represión. Aconteceu despois de teren noticia os custodios da pax franquista de que a desconcertante profesora impartira un curso de Literatura galega no Ateneo de Ourense, institución orientada polo Partido Comunista, clandestino daquela. Para os lingüistas do corpo de Policía eran alarmantes algunhas declaracións feitas por María Victoria; esta, de 1974, por exemplo: «Se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala». A policía da época non estaba afeita a ler declaración tan demóticas.
Deste compromiso falei o 28 de novembro na Real Academia Galega nun simposio no que outras voces fixeron incursións neste capítulo da biografía arriscada de María Victoria Moreno. Eu insistín no feito de que ela axiña deixou de ser unha escritora alófona. Xa en 1973, o ano de Mar adiante, estaba plenamente instalada na lingua galega, que falaba e escribía desde dentro, con verdadeira autenticidade. Xa era unha escritora autófona. Non hai retórica nas súas palabras cando nunha entrevista de 2005 (días antes de ir durmir fóra) declaraba: «Escribo en galego porque amo a Galicia, porque Galicia me deu moito, porque penso en galego, porque escollín a causa dos pobres». A última afirmación, referida á «causa dos pobres», alporizou a moita xente ben pensante, pero a Policía, nesta ocasión, non actuou.