Constitución

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

08 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín uns tres meses antes da Constitución. Obviamente, a sinatura da Carta Magna non produciu un cambio substancial na vida curta vida, que daquela se limitaba a comer, durmir e chorar, pero medrei ao abeiro desta nova sociedade e dun orgullo calmo pero moi interiorizado nas persoas.

Na escola, desde pequenos, escoitamos algún que outro artigo, cunha explicación sinxela da súa razón de existir. Semellaba que aos docentes lle saía un brillo especial no sorriso cando explicaban calquera elemento relativo á Constitución. Moito nos dixeron da súa historia, dos inicios, dos intentos anteriores. Tanto no recinto escolar coma na casa, ou nas conversas cos avós, a xustificación e a fachenda viñan avaladas polo mesmo: a capacidade de negociación, a responsabilidade política, a necesidade de convivir.

Cando fixen os 18, recibín por sorpresa na casa un exemplar pequerrecho, de peto, como unha metáfora de que podía -e debía- acompañarme sempre. Agora teño varios exemplares da Carta Magna e ao mirar calquera dos volumes lembro inconscientemente as veces que nos transmitiron o valor da convivencia. Cando distintos ideais políticos coinciden en dar a mesma versión do asunto, así debeu ser. Medramos, por iso, coa idea de pertencer a unha sociedade xusta, madura, seria e digna de imitar.

Quizais agora, pasado o tempo, bote de menos que nos instasen máis a manter o legado. Corenta anos tampouco son tantos para unha sociedade e a capacidade de diálogo parece completamente substituída pola crispación. Non era esta a idea.