Casado, Abascal e Plauto

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

08 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Menecmo e Sosicles son dous irmáns xemelgos, protagonistas da máis divertida comedia de equívocos escrita polo romano Plauto, no século II a. C. Eran nenos cando o destino os separou e non volveron saber un do outro, pero, xa homes feitos, atopáronse, abrazáronse, tratáronse de «irmán querido» e, xuntos para sempre, foron felices e comeron perdices.

A mesma comedia estana a representar na vida real Pablo Casado e Santiago Abascal, criados politicamente nos mesmos peitos, arredados nunha ondada partidista e hoxe felizmente reencontrados como líderes do PP e de Vox. Certo que no físico non se asemellan moito, pero en traxectoria e credo político son irmáns xemelgos e tan cuspidiños que -seino de boa tinta- nin José María Aznar, pai ideolóxico de ambos os dous, sabe diferencialos.

Para empezar, ningún deu nunca pancada porque desde mozos viven da política. Os dous militaron no PP e contaron con poderosos protectores. Aznar viuse reflectido en Casado cando no congreso de 2008 o oíu afirmar, como presidente de Nuevas Generaciones, que «los jóvenes populares no idolatran a asesinos como el Che Guevara, sino a mártires como Miguel Ángel Blanco». Aznar sorriu sen mover o bigote e pensou: «Este chico promete». Meses despois tíñao de director do seu gabinete.

Abascal quedou fóra de xogo en Euskadi despois que a presidenta do PP vasco, María San Gil, dimitise por discrepancias insalvábeis con Rajoy, pero Esperanza Aguirre levouno a Madrid para presidir a Agencia de Protección de Datos da comunidade e, cando pechou en 2012, fíxoo director xerente da Fundación para el Mecenazgo y Patrocinio Social, cun só empregado ás súas ordes e un salario anual de 82.491 euros. Sempre os grandes patriotas viviron da patria. Ao desaparecer a institución, en 2014, Abascal entrou en Vox.

Na campaña das eleccións andaluzas Casado repetiu, punto por punto, o discurso ultra de Abascal e celebrou os 12 escanos de Vox coma se fosen do PP, que perdeu 7. Foi o gozoso reencontro de Menecmo e Sosicles na política española, entre un Santiago Abascal que ve no PP de Rajoy «la izquierda socialdemócrata» e un Pablo Casado que non o di, pero tamén o pensa. A ideoloxía non será un atranco para que PP e Vox tenten gobernar xuntos e o presidente Núñez Feijoo xa declarou que o pacto non lle dá medo porque «los andaluces se merecen un gobierno». Clarísimo: o entendemento do PSOE con Podemos é unha aberración política, e o do PP con Vox perfectamente natural.

A cousa é grave, pero non tanto como a perda de memoria de Núñez Feijoo, que responsabiliza do éxito de Vox a Pedro Sánchez e o seu pacto co independentismo catalán. O presidente galego non recorda que o independentismo catalán saíu do letargo cando o PP de Rajoy, para atacar o Goberno de Zapatero, levou o Estatuto catalán ao Constitucional por varios artigos vixentes noutras autonomías; e esquece tamén que foi a torpeza de Rajoy, aquel 1 de outubro en que mandou á policía impedir o referendo catalán, a causa da explosión independentista e de que Europa olle con receo a democracia española. As carantoñas de Casado e Abascal non van mellorar a imaxe que damos, evidentemente.