Xa sei que as redes non son lugar para falar de acoso sexual a menores. Teño un amigo que conseguiu milleiros de rechouchíos, gústames e unha caixa de bombóns na mesa porque dixo que había que inventar os bombóns de licor café; en cambio, logo puxo que a AP-9 era unha estafa, e os grilos cantaban no seu Twitter. Logo está o que che pasa cando destapas un acosador, e contas diante dos teus 5.000 seguidores o daquel home que, no instituto, sentaba os rapaces preto del para poñerlles unha man nunha perna e a outra na caluga. «Esperádeme na porta, si?». «Pero se en realidade non fai nada». «Non, pero toca moito». Entón o muro de Facebook éncheseche dos que che din que difamas, que as cousas que pasaron hai 30 anos non resisten a memoria, que os velliños enfermos non lle tocan o cu a ninguén, coma se sempre fosen vellos e enfermos. Que a túa palabra non vale pero si a súa. E ti nin queres imaxinar o que sente unha vítima cando ten que contar algo así diante dun xuíz. Entendín todo de vez. A impunidade campaba daquela polos corredores do instituto canda esa noxenta capacidade dos acosadores de nenos aos que aínda non lles saíra a barba para facer crer que son estupendos e delicados. Se cadra os fantasiosos nenos andaban provocando. E se cadra aqueles adultos do claustro entendían que hai necesidades físicas así, e que tampouco é para tanto que che toquen o cu. Estabamos indefensos e non o sabiamos.