Galanos de noso

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

30 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas voltiñas lle demos, a comezos do ano 1996, Carlos Casares, este cronista -non merecente de figurar, nin nunha nota a pé de páxina, en Carlos Casares, un contador de historias (Galaxia, 2017), pese a ser de público coñecemento que mantiven co biografado intensa amizade e estreita colaboración ao longo de trinta anos- e outros compañeiros do PEN á idea de organizarmos un premio. Casares, daquela presidente da entidade, contaba cunha secretaría bicéfala: Helena Villar e servidor. Sorprendeunos aos tres, así de primeiras, que non houbese no país ningún premio Rosalía de Castro, polo que acordamos que os galardóns levasen o nome da nosa autora máis universal e estivesen destinados a honrar, desde a nosa literatura, a escritoras e escritores das outras catro linguas da península ibérica. A convocatoria sería cada dous anos e a entrega no Salón Artesonado do pazo de Fonseca. Trasladada a petición a Darío Villanueva, entón reitor da Universidade de Santiago (USC), aceptou encantado. Algúns eramos partidarios da dotación económica, pero Carlos, moi aforrador -ata o extremo de querer devolver unha subvención que a Xunta nos concedera no mandato de Úrsula Heinze-, convenceunos de que mellor eran unhas placas esmaltadas que facían en Vigo os irmaus Hernández. Puxemos maus á obra e fallamos a edición inicial, tras un duro debate -frecuentes, a pesar do modelo de club literario que Casares propiciaba-, o 24 de febreiro daquel 1996. Aquel galardón fundacional foi para Gonzalo Torrente Ballester, José Saramago, Bernardo Atxaga e Joan Perucho. Benvidos hoxe Carmen Boullosa, Nuno Júdice, Sergi Belbel e Harkaitz Cano a este vello país de palabras.