Vémonos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Eran outros tempos. Quedaban nun bar ao saír do traballo. Saudábanse, discutían, comentaban a actualidade como chuvia ou sol. Bebían, mirábanse, sentíanse. Ás dez da noite despedíanse proclamando: «Vémonos!». Un modo de non dicir nunca adeus. Eran outros tempos. Daquela resultaba fácil ser feliz. Na máquina de discos, con cinco pesos, soaban seis cancións de chocolate: Triana, Janis Joplin, Kansas, Un beso y una flor de Nino Bravo, Deep Purple e a última dos Stones, que non acababan de irse do país de Peter Pan. Nestes días, acariñando os inicios de decembro, nas redes sociais recordan todo o que eran.

Pero un deles empeza a estar farto deste circo de Facebook e Twitter e Instagram. Decatouse de que só ve aos seus amigos en pantalla. Por iso, un día calquera, colleu o teléfono de sempre, nove oito oito de prefixo, provincia de Ourense. Marcou o número dos seus colegas. Un tras outro. E a todos lles preguntaba o mesmo: «Quedamos?». Así foron calibrando o día da cita. Víronse, tocáronse, preguntáronse polas súas vidas. Resultaba que non se parecían aos que colgaban fotos e consignas e likes nos muros do silencio. Miraban do mesmo xeito. Uns con calidez. Outros co espanto dos pupitres ou das primeiras mozas, esas que deixaron gravadas letras de ron na súa alma incorrecta. Eles, domados: por estes tempos fríos, tan fríos, distantes, a bendita mentira de Internet. «Hai que sentirse», concluíron. «Existimos cando nos abrazamos», dixo un que foi poeta. Anda, pregunta á xente que queres: «Vémonos?». A ela, a el. Está esperando que corras, fuxas, escapes. Non sexas escravo das pantallas. Eu non as cambio por aquela de Triana: «Abre la puerta, niña, que el día va a comenzar».