Palabras difíciles

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hai palabras difíciles de dicir: Schwarzenegger. Difícil de verbalizar e de escribir, todo sexa dito. Pero, a base de oílo, ata o pronunciamos case ben. Trabámonos con desoxirribonucleico, ventrílocuo, idiosincrasia ou paralelepípedo.

Tres tristes tigres.

Temos casos máis sinxelos e comúns: frustrar. E frustrante é querer falar e non dar desfeito o nó que se forma na lingua. Hai máis: monstro. Claro que tampouco é algo moi bonito... Algunhas palabras preocúpanme moito máis. O grafismo, a priori, non semella complicación. Seis letras. Un par de sílabas. Consoante-vogal-consoante, dúas veces. E non sae. Custa un mundo que atravese a porta dos beizos.

É o caso da verba perdón.

Fago a proba, repetíndoa unha e outra vez, e non atopo ningunha traba. «Perdón». Flúe. Daquela, por que se complica tanto iso de dicir/pedir perdón? Porque é algo que debera honrarnos. Errare humanum est. Así que emendar as faltas debera ser máis, un símbolo de intelixencia. Ben sabido é tamén que rectificar é de sabios.

Pero iso de pedir perdón non é tan humano, polo que se ve. Porque, de común, pouco ten. Nos medios, continuamente, estannos falando dos erros e delitos que comete a xente. Que porcentaxe deles saen pedindo perdón? Non a teño calculada, pero asegúrolles que é pequena. E así como se repetimos Schwarzenegger ata que acabamos por aprender a pronuncialo, igual se escoitásemos máis veces perdón nos animabamos tamén a dicilo. Quen sabe! Vai ser cuestión de probar. Por min que non quede: perdón.