O horizonte da xubilación

OPINIÓN

21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal vez sexa unha mestura de fatalismo e sentido común, pero o certo é que a maioría dos nosos maiores calculan que os que imos detrás, sobre todos os máis novos, non lles veremos o pelo ás xubilacións. Estes mesmos maiores, que lle colleron o pulso ao Goberno coas súas demandas de suba, están a nos avisar duns indicadores que fan que as previsións de aquí a unha ducia de anos non sexan optimistas.

Agora ben, esta visión de catástrofe xa a vivín hai máis de vinte anos, cando o conserxe dun instituto onde eu traballaba non deixaba de se laiar do mal que estaban as cousas de cara á súa propia xubilación. O curioso é que el non fundamentaba as súas queixas na inversión da pirámide poboacional, senón nas coñecidas viaxes do Imserso, que, ao seu parecer, eran unha auténtica tolería. Unha e outra vez púñase nas nubes por ese gasto innecesario.

Teño que dicir que non me gustaba ese desprezo que el amosaba diante de xeracións que o precederan e merecían máis ca el unha boa xubilación.

Durante moito tempo, perdinlle a pista a este home, pero a curiosidade levoume a interesarme por el e seica agora goza do seu retiro e non perde unha excursión subvencionada, e mesmo gusta de andar na cabeceira das manifestacións da terceira idade.

De o ver, seguro que alegaría que el non fixera ben o cálculo e agoiraríame os problemas para min. E talvez tivese razón. O certo é que, sen deixar de me preocupar o meu futuro retiro, non teño ningunha présa por chegar a el, como tampouco o tiña unha mestra á que, por erro, lle puxeran un ano de máis na consellería.

O gran Pepe Agrelo, compañeiro dela, animábaa a que non dixese nada porque, así, adiantaba o retiro. Mais ela, toda chea de razón, rexeitaba rotundamente esa proposta porque dese xeito ela tamén morrería un ano antes.