Leo en La Voz de Galicia que millóns de pequenos crustáceos invadiron as praias de Asturias, desde Tapia de Casariego a Cabo Penas, cubríndoas dun manto avermellado. Chegaron vivos, e morreron porque non poden regresar ao mar por eles mesmos. Son anfípodos hipéridos, algo así como camaróns pequenos pero cunha gran cabeza, e unha boca acorde con ela. Esa mancha vermella avanza cara a Galicia.
Aos ecoloxistas preocúpalles a morte dos crustáceos e reclamaron que se investigue se o fenómeno se debe ao cambio climático ou a unha vertedura tóxica.
A min preocúpame outra cuestión. Hai moitos anos, lin na sección de noticias curiosas dun xornal que nos Estados Unidos detectaran casos dunha enfermidade descoñecida e mortal, aínda que pouco preocupante para a maioría da poboación, porque só afectaba a colectivos de homosexuais cunha intensísima actividade sexual… Resultou ser a sida.
Preocúpame que estes camaróns cabezóns se convertan nunha nova praga de dimensións bíblicas. Os pescadores da zona afectada din que, se deixan pescado nos palangres, cómenllelo, «baléiranos», entran polos ollos ou a boca do peixe atrapado e poden chegar a «limpar» -segundo din- o cadáver dun golfiño ou dun home. Só o cadáver? Como sabelo? E se chegan ás praias no verán e están famentos?
En fin, confiemos en que a noticia non sexa como a primeira sobre a sida, e que os mortos sexan só eses pequenos animaliños de boca voraz.