PABLO GONZALEZ

16 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os eucaliptos definen o carácter galego: os de fóra a dicir o que somos, e nós cantando un himno que fala aos piñeiros coma se non esmorecesen en recantos aos que ninguén mira. Chegaron no século XIX porque un prócer ao que certo galeguismo adora, Rosendo Salvado, mandou unhas sementes que prenderon en Vigo. Os seis primeiros eucaliptos inmigrantes. Foron tan ben acollidos que axiña lles adaptamos o nome: «eucalitos», «alcolitos» ou «alcolitros». A RAG debería admitir estas formas como galegas, xa que tamén o Goberno de España decidiu non consideralos «especie invasora».

Teo e outros concellos solicitaron en marzo que se incluíse o eucalipto no catálogo de especies exóticas invasoras. Podería dicirse que se basearon no sentido común, pero como os seus avogados saben con quen danzan, falaron con científicos que dixeron que en Galicia non había eucaliptos antes de que a industria da madeira e o papel convencese aos galegos de que o mellor que podía pasarlles era que ardesen as fragas para poder plantar alcolitos e sacar pasta: pasta de papel e diñeiro. Foi entón cando os incendios se fixeron tan propios de Galicia coma os eucaliptos. O ministerio di isto con palabras técnicas: «Xoga un papel fundamental no desenvolvemento rural da cornixa cantábrica». Nesa frase había que definir, con acepcións non aceptadas pola RAG, «fundamental», «desenvolvemento» e «rural»; porén, entre tanto, os concellos teiman en convencer a algún técnico ministerial extraterrestre do que aquí é sabido: que só defenden a súa galeguidade quen teñen interese económica en que non medren máis ca fiúnchos derredor dos alcolitos.