Castañas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

13 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As castañas son parte importante da alimentación dos galegos dende tempo inmemorial. Aquí abundan os soutos e a gran produción deste froito, pero antes da chegada das patacas e do millo aínda eran moito máis protagonistas, xa que eran a base da alimentación, acompañando calquera tipo de comida.

Galicia é aínda a gran produtora de castañas a nivel estatal e a calidade é moi alta, pois existen ata un total de 16 variedades principais. Tamén somos pioneiros no que se refire ao seu aproveitamento, que vai dende o marrón glacé ata a elaboración de cervexas. A gran celebración dedicada ás castañas é o magosto, e sobre todo na provincia de Ourense adquire un carácter ritual de exaltación absoluta. Celébrase fundamentalmente dende mediados de outubro ata mediados de novembro, basicamente en función do adianto ou atraso da colleita, e na actualidade xa se estendeu por toda Galicia.

Eu, que xa nacín na Coruña, lembro de ir co meu avó recoller castañas nos vellos soutos centenarios que aínda quedan por terras de Niñodaguia (Ourense); aquelas castañas comíanse asadas na prancha da cociña de ferro, cocidas con leite fresco ou esmagadas coma se fosen papas acompañadas con leite mazado. Miña nai falaba de que tamén as comían en caldo ou acompañando a carne, pero iso eu xa non o lembro. É certo que quitaron moita fame, pero tamén certo é que houbo xente que se aburriu de ter que comelas a diario, e neste punto vénme á memoria un bo amigo da Fonsagrada, que emigrou a Barcelona, e contaba que cando era o tempo dos castañeiros e regresaba do traballo ía dando unha volta enorme para evitar pasar diante deles e ter que lembrar aquel recendo que lle remexía o estómago, do aburrido que chegou a estar delas… Como mudaron os tempos!