Non gañamos para sustos

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

10 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda non nos recuperaramos doutras noticias cando nos contan que desde a estación de Sants en Barcelona viaxou unha pasaxeira que podía levar na súa maleta unha granada de man. Era o peche dun cinto que na pantalla de control parecía unha arma. Os vixilantes dispuxéronse a deter a propietaria, pero confundíronse de persoa e, mentres, a suposta granada seguiu o seu camiño ata Madrid. Parece que a seguridade dos que viaxamos en tren e non en avión privado non está en boas mans. Peor foi o do poema do xuíz que se publicou na revista da asociación de xuíces Francisco de Vitoria, insultando a Irene Montero. E publícase ademais con foto da deputada. E ninguén na revista se decatou nin dos insultos nin do tufo machista do panfleto. Dá calafríos pensar que xente con esta mentalidade sexa a que xulgue os casos de agresores de mulleres. Agora, xuíz e revista teñen que pagarlle 70.000 euros á agraviada. Que tomen nota todas as mulleres insultadas e agredidas, a ver se hai sorte e lles cae unha indemnización así. Que non o creo, a verdade.