O crego da relatividade

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Albert Einstein presentou en 1915 a teoría da relatividade, observou que a súa ecuación describía un Universo que non era estático. Para facer que quedase parado, meteulle un parche á ecuación. En 1927 un talentoso cura católico belga, Georges Lemaître, decatouse de que a ecuación orixinal de Einstein (sen parche) describe un Universo en expansión. Lemaître, un consumado experto na teoría da relatividade, deduciu ademais unha importante lei que simboliza dita expansión: «canto máis lonxe está unha galaxia, máis rápido se afasta de nós». Por desgraza, o descubrimento non tivo moito eco.

En 1929 o astrónomo norteamericano Edwin Hubble (o seu apelido dá nome ao popular telescopio orbital) chegou á mesma conclusión, a base de cotexar datos de distancias de galaxias coas súas velocidades respecto a nós. Agora si houbo eco: Hubble era famoso por ter descuberto 5 anos antes que a Vía Láctea e só unha galaxia e non todo o Universo (o concepto de galaxia non era algo moi claro antes do seu descubrimento). A lei foi chamada «de Hubble», esquecendo que Lemaître xa a descubrira 2 anos antes. Cóntolles isto porque a Unión Astronómica Internacional vén de facer xustiza histórica, cambiando o nome desa lei, que a partir de agora se chamará «de Hubble-Lemaître».

Por certo, o talento do cura belga non quedou aí: observando que o Universo infla co paso do tempo, en 1931 pensou que, tirando cara ao pasado, tiña que ser cada vez máis pequeno, ata rematar nun punto. O punto da orixe. Lemaître foi tamén o pai do Big Bang.