As leccións que me dan

OPINIÓN

02 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son un clásico as continuas críticas ao o que escribo nesta ventá. Acéptoo. É parte da fórmula. Fágoo a cara descuberta, con nome, apelidos, a foto na web e, se buscan, DNI. Tampouco escondo o que son. Unha enxeñeira. Unha escritora. Unha muller. E desde aí escribo. Desde a miña ignorancia en tantos temas e desde o absoluto respecto a todos eles. Mirando desde a miña óptica particular, coma vostedes.

Obviamente, non podo escribir de todo, nin canto quero. Teño 1.500 caracteres para espremer. Para borrar e acurtar frases, condensar e falar do hoxe. Intento introducir o humor e recursos literarios cando podo. Por iso, se digo «só sei pedir café con leite» a expresión non é literal. Solicito «café con leche», «coffee with milk», «café au lait» e ata máis. O que pasa é que, instintivamente, sáeme o galego.

Tal naturalidade é motivo de ataque. Nacen os dardos destrutivos coma cogomelos coas primeiras chuvias. Iso si, detrás das nubes. Sen nome, sen cara. Veciños, coñecidos ou alleos. Quen sabe! Moitas veces «malinterpretan» ou «malentenden» o que digo, buscando as cóxegas das palabras. Levan a conta do que fago moitísimo mellor ca min, lembrándome no ataque datas e frases textuais do que escribín un día sen mala intención. Lembren que son pingas de cristal. Pingas por pequenos apuntamentos da actualidade. De cristal porque pretendo ser transparente.

Aquí sigo. Para os que se agochan ao tirar a pedra tamén. Pero, señores críticos, this is not afouteza.

Ah! Grazas por me leren sempre.